A cidade de Ourense contará con actividades de conciliación durante a Semana Santa

OurenseXa
Desenvolveranse en distintos espazos como a Aula da Natureza, o anexo da Escola Municipal de Música e, como novidade este ano, tamén nos locais de varias asociacións veciñais da periferia
Concilia Verán, Ourense
14 Mar 2026

A Concellería de Educación do Concello de Ourense pon en marcha unha nova edición do programa Concilia Semana Santa, destinado a ofrecer actividades de lecer para nenos e nenas da cidade ao tempo que facilita a conciliación familiar durante os días non lectivos.

As actividades desenvolveranse na Aula da Natureza de Oira, no anexo da Escola Municipal de Música e, como novidade este ano, tamén nos locais de varias asociacións veciñais da periferia da cidade. As sesións celebraranse o 30 e 31 de marzo e o 1 e 6 de abril, en horario de 9.00 a 14.00 horas.

O programa busca fomentar a socialización, promover actitudes solidarias e de convivencia, e incentivar o traballo cooperativo e o respecto polo medio ambiente, a informática, a educación artística e a psicomotricidade.

A inscrición realizarase exclusivamente en liña a través da web ou da aplicación do Concello. O prazo abrirase o martes 17 de marzo ás 10.00 horas e pechará o 24 de marzo ás 8.30 horas. Para formalizar a inscrición, é imprescindible que o alumnado e, polo menos, un dos titores estean empadroados en Ourense.

As actividades no anexo da Escola de Música están dirixidas a nenos e nenas nados entre 2020 e 2022 (Educación Infantil), mentres que na Aula da Natureza participarán escolares nados entre 2014 e 2019 (Educación Primaria). O custo da actividade é de 10 euros por participante, mentres que os irmáns terán un desconto, pagando 5 euros

0.12056684494019