A CIG alerta do colapso no Rexistro Civil de Ourense pola falta de persoal

O sindicato CIG vén de advertir dunha situación de bloqueo no Rexistro Civil de Ourense, que arrastra problemas desde o pasado mes de xullo debido á falta de persoal. A central sindical responsabiliza á Administración de non cubrir a baixa dunha funcionaria do corpo de Tramitación e reclama a incorporación inmediata dunha persoa interina de Auxilio Xudicial.
Segundo lembra a CIG, a Relación de Postos de Traballo publicada en setembro xa contempla unha praza deste corpo para a oficina xeral do Rexistro Civil. A súa ausencia, sumada ao incremento de xestións que se produce nos meses de verán co retorno de numerosos cidadáns residentes fóra, tería provocado unha sobrecarga de traballo que agora se traduce en atrasos significativos segundo o sindicato.
Denuncian que, malia o establecido na Orde do 18 de maio de 2022, que obriga a cubrir estes postos con persoal interino cando é necesario, a Administración non procedeu ao nomeamento. Ante a falta de resposta, o servizo estivo a ser reforzado nas últimas semanas cunha funcionaria do Xulgado de Primeira Instancia número 2, que tivo que compatibilizar a súa actividade habitual co apoio ao Rexistro Civil, xerando tamén atrasos no seu propio xulgado.
A CIG esixe á Dirección Xeral de Xustiza unha solución inmediata e a cobertura da praza vacante para garantir un funcionamento normalizado do servizo e evitar maiores prexuízos á cidadanía.