A Colección Museográfica Vicente Risco xa forma parte do Sistema Galego de Museos

O pasado 1 de decembro, o Consello da Xunta de Galicia aprobou a incorporación da Colección Museográfica Vicente Risco ao Sistema Galego de Museos. Desde o Patronato da Fundación Vicente Risco destacan que esta decisión supón o recoñecemento oficial ao traballo realizado nos últimos anos, que permitirá poñer en valor a labor e as inquietudes de Vicente e Antón Risco.
A colección atópase nun pequeno museo adaptado á casa onde está situado, co obxectivo de que os visitantes coñezan non só a obra de Vicente Risco, senón tamén o traballo colectivo de diferentes autores que mantiveron unha estreita relación con él durante o primeiro terzo do século XX. Este grupo diverso, con variadas perspectivas ideolóxicas, tivo Galicia como referente común.
Para a Fundación Vicente Risco, esta integración representa “unha gran responsabilidade”. Por iso, comprométense a seguir traballando para que o legado de Vicente, Antón e Cruz Risco sirva como unha achega que permita aos galegos, especialmente ás novas xeracións, sentir orgullo de pertenza a unha terra que busca vivir en igualdade co resto das culturas do mundo.
Esta incorporación amplía a rede galega que xa conta con 22 coleccións rexistradas, as cales, aínda que non cumpren todos os requisitos para ser museos completos, si reúnen os criterios museográficos establecidos. A elas súmanse os 70 museos e os tres centros de interpretación do patrimonio cultural recoñecidos baixo a Lei de Museos 7/2021.
Ao estar baixo o amparo do Sistema Galego de Museos, a Colección Vicente Risco poderá acceder a convocatorias de axudas específicas, participar en actividades técnicas e asegurar que as súas instalacións e planificación museolóxica cumpren cos estándares esixidos. Este plan museolóxico é fundamental, pois establece os programas e prioridades para o desenvolvemento sostible da colección.
O Goberno galego valorou especialmente a importancia cultural de Vicente Risco, figura clave da Xeración Nós, e a riqueza do seu legado literario, artístico, político e etnográfico, que é parte esencial da historia de Galicia. Así mesmo, recoñeceu o papel do museo como motor para a dinamización social e cultural de Allariz e da súa contorna, fomentando a inclusión cultural conforme á Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.
A Colección Museográfica está formada por fondos documentais, bibliográficos e artísticos de Vicente Risco, o seu fillo Antón e outros materiais familiares doados pola familia. A estes súmanse achegas posteriores de diferentes colectivos, que enriquecen a colección con pezas de diversa natureza (arte, artes decorativas, antropoloxía, historia e literatura) que reflicten a amplitude do legado.
Entre os fondos destacan documentos relacionados coa actividade ensaística, académica e política de Vicente e Antón Risco, colaboracións xornalísticas, así como libros de estudo de ambos. A colección inclúe tamén obra plástica de pai e fillo e doutros artistas galegos cos que mantiveron relación persoal, con pezas que van desde debuxos ata gravados e outras expresións artísticas.
Ademais, consérvanse documentos vinculados a Allariz e Castro Caldelas, custodiados polas familias Martínez-Risco e Fernández, sendo os de Vicente Risco fundamentais para comprender a vida cultural, social e política de Galicia na primeira metade do século XX. O patrimonio complétase con mobiliario, fotografías e obxectos persoais que achegan un contexto máis íntimo e cotián da familia.
O espazo dedicado a Vicente Risco sitúase na casa familiar de María do Carmen Fernández Gómez, a súa esposa, situada na rúa San Lourenzo número 3, en Allariz. Esta vivenda burguesa, construída a mediados do século XIX, consta de tres plantas e un pequeno xardín traseiro. Tras anos de abandono, o Concello adquiriuna en 1996, restaurouna e cedéuna para ser sede da Fundación.
O percorrido museístico comeza na planta baixa, onde se presenta a figura de Vicente Risco a través de retratos realizados por artistas galegos e onde se desenvolven actividades culturais como presentacións, concertos e conferencias. Na planta principal organizan diferentes espazos temáticos relacionados coa arte, a historia e a literatura. O terceiro andar alberga obras que continúan o legado de Risco, incluíndo unha sala dedicada á investigación. A exposición ordénase cronoloxicamente para mostrar a evolución de Vicente Risco como pensador, escritor, investigador, teórico da arte, político e creador ao longo da súa vida.