A cómica galega Leti da Taberna actuará este venres nas Noites Bárbaras de Barbadás

OurenseXa
A humorista compostelá dará unha función gratuíta na Casa da Cultura Manuel María
leti-da-taberna-barbadas
6 Apr 2026

O ciclo cultural Noites Bárbaras continúa en Barbadás cunha nova cita este venres, 10 de abril, na que a humorista Leticia Miraz será a encargada de subir ao escenario da Casa da Cultura Manuel María.

A cómica compostelá, coñecida como Leti da Taberna, consolidouse como unha das voces actuais do humor galego tras acadar popularidade en 2020 cos seus vídeos en redes sociais. En Barbadás presentará o espectáculo “Enredada”, un monólogo no que aborda con humor a relación coas redes sociais, combinando ironía e unha perspectiva feminista.

A actuación dará comezo ás 20.30 horas e forma parte da programación recuperada recentemente polo Concello. As entradas son gratuítas e poden recollerse desde hoxe na Casa da Cultura en horario de mañá, ata completar aforo. Tras o espectáculo, as persoas asistentes poderán gozar dun petisco ofrecido pola hostalaría local, pechando así unha xornada que combina cultura e promoción do tecido local.

0.10755181312561