A Comisión de Seguimento do Xeodestino Terras de Celanova – Serra do Xurés fai balance da súa actividade

O municipio de Padrenda albergou unha reunión da Comisión de Seguimento do Xeodestino Terras de Celanova – Serra do Xurés, integrado polos municipios de A Bola, A Merca, Barbadás, Bande, Cartelle, Celanova, Entrimo, Gomesende, Lobios, Lobeira, Muíños, Padrenda, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea. A reunión estivo presidida polo presidente do Inorde, Rosendo Fernández, á que tamén asistiu a xerente deste órgano da Deputación, Emma González.
Entre os asuntos que se abordaron aprobouse a liquidación da anualidade 2024, durante a que se subscribiu o convenio coa Axencia de Turismo de Galicia, no marco do cal se executaron actuacións tales como a creación da Guía de Roteiros de Sendeirismo presentada na pasada edición de Fitur; así como a creación da nova web https://terracelanovaserraxures.com; unha campaña a través do portal especializado "Escapada Rural" e a súa comunidade para crear notoridade do destino; a participación en feiras de Turismo tales como Biocultura, Turexpo, Xantar ou INTUR- Feira de Turismo Interior en Valladolid; así como as accións de posicionamento dixital a través dos perfís en Redes Sociais do Xeodestino e a Guía de restaurantes.
As accións previstas para este ano, e aprobadas pola comisión terán como obxectivos a creación de produto turístico enfocado a turismo familiar; diferentes actuacións de promoción como é o caso da participación en feiras e tamén a través de medios de comunicación especializados de alcance nacional; e a implemetación das novas tecnoloxías para captar sendeiristas e cicloturistas ao longo dos itinerarios existentes nos 15 municipios que forman parte; así como a continuación dos procesos de captación e formación dos servizos turísticos no Sistema Integral de Calidade Turística co fin de continuar posicionando ao destino.
MESA DE CALIDADE
Tamén tivo lugar unha reunión da mesa da calidade do Destino Terras de Celanova- Serra do Xurés vén de aprobar tamén a distinción de 9 novos servizos que superaron a fase de formación e avaliación do Ciclo 1 e elevaranse ao comité de distinción nacional de SICTED que terá lugar en xuño, así como o paso ao segundo ciclo de 12 dos servizos turísticos que foron distinguidos no 2024.
Esta mesa de calidade está presidida polo presidente do Inorde, Rosendo Fernández e nela están integrados tamén a deputada provincial Teresa Barge, a Universidade de Vigo, o Clúster de Turismo de Galicia (que tomou posesión, precisamente nesta reunión), a Asociación Galega de Axencias de Viaxes, a Asociación Limia Verde e a Asociación de Comerciantes Celanova Chea (en representación da CEO).