A Comisión do Transporte Metropolitano impulsará un proxecto piloto nos concellos limítrofes de Ourense

OurenseXa
O acordo permitirá definir o número de liñas, as paradas, as frecuencias, a afección que tería nas liñas de transporte interurbano, así como os custes asociados
comision-transporte-metropolitano
18 Mar 2026

A Deputación de Ourense avanzou na busca dunha solución á chamada “demanda histórica” de mobilidade metropolitana coa aprobación dun proxecto piloto que afectará aos concellos limítrofes da cidade. Así o anunciou hoxe o presidente provincial, Luis Menor, tras a reunión da Comisión do Transporte Metropolitano celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel, na que participaron representantes municipais da comarca e dos diferentes partidos políticos.

Menor cualificou o encontro como “moi produtivo” e explicou que o acordo permitirá definir o número de liñas, as paradas, as frecuencias, a afección que tería nas liñas de transporte interurbano, así como os custes asociados á implantación deste novo servizo.

Segundo destacou o presidente, desde a Deputación “lideramos esta iniciativa co obxectivo de solucionar un problema histórico de mobilidade para a cidade e a comarca de Ourense”. Ademais, sinalou que “tras varias reunións de traballo podemos dicir que estamos dando avances sobre cuestións concretas que comezan a achegar solucións a esta situación”.

Menor tamén puxo en valor “a vontade política” de todos os grupos para chegar a este acordo e trasladou o “compromiso firme” da Deputación de colaborar, tanto desde o ámbito técnico como económico, para dotar deste servizo á cidadanía ourensá.

O proxecto piloto supón un paso importante para avanzar na planificación do transporte metropolitano, buscando unha mellora efectiva na mobilidade de Ourense e dos concellos da súa contorna.

0.12305188179016