A Comisión Executiva Municipal do PSdeG de Ourense conmemora ás vítimas do holocausto
En 2005, a asemblea xeral de Nacións Unidas aprobou unha resolución pola que se elixía o 27 de xaneiro como o Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto e co gallo desta data a Comisión Executiva Municipal do PSdeG de Ourense organizou un acto aberto á cidadanía. “Calcúlase que naquela gran matanza de homes e mulleres, nun intento de exterminio sistemático de xudeus e doutros grupos humanos como xitanos, minorías relixiosas, persoas con discapacidade, homosexuais e transexuais, que por medio de execucións, cámaras de gas, traballos forzados, torturas, fame, experimentos médicos ou malleiras foron asasinadas máis de 11 millóns de persoas”, puntualizou o secretario de Memoria Democrática do partido, Xosé Lois Carrión, ao comezo da charla.
“As e os socialistas queremos lembrar a eses millóns de vítimas que sufriron reclusión e exterminio nos campos de concentración. Entre eles estaban republicanas e republicanos españois que por mor do terror franquista tiveron que fuxir a Francia, onde foron capturados”, explicou ante o público asistente.
Na ponencia lembráronse lugares como Auschwitz, Dachau, Mauthausen ou Sachsenhausen; pero tamén se puntualizou que, máis aló dos máis coñecidos, se estima que os nazis estableceron uns 15.000 campos de traballo, concentración e exterminio en toda a Europa ocupada.
O historiador e docente Carlos Lozano incidiu, durante a súa intervención, nas 208 persoas naturais de Galicia que foron deportadas durante o réxime de terror, das cales 47 tiñan orixe ourensá. “Os deportados galegos aos campos de concentración e exterminio nazis presentan unhas traxectorias vitais que amosan un compromiso xeralizado coa loita antifascista”, destacou sobre un común denominador a todas as vítimas.
Na conferencia afondou nas traxectorias vitais dos galegos que, entre 1940 e 1945, acabaron nos campos do III Reich para extraer uns resultados e unhas conclusións que permitiron comparar similitudes e diferenzas co resto de deportados do Estado español. Relatou o historiador as diversas orixes e traxectorias deses presos, segundo amosa unha extensa investigación de recente publicación: antes do golpe militar de 1936 algúns estaban en territorio republicano e alistáronse ás milicias populares e outros foron reclutados forzosamente polo bando sublevado, do que intentaron escapar exiliándose no país galo. “Coñécense moi poucos datos sobre a afiliación desas vítimas, pero hai unha maioría que si amosaba unha simpatía republicana, tanto socialistas como anarquistas ou do Partido Comunista”, enumerou sobre algunhas das causas que os levaron a rematar en mans dos nazis.
Pola súa banda, a secretaria xeral do PSdeG en Ourense, Natalia González, afirmou o compromiso do partido para facer memoria e divulgar ante o aumento dos discursos de odio e de extrema dereita que urxe combater dende a trincheira da palabra e coa historia presente. “Non podemos permanecer distantes respecto do noso pasado. Non podemos relativizar o que aconteceu se queremos evitar que se repita non só en Alemaña, senón en calquera país”, afirmou durante a súa intervención.
“Oitenta anos despois da liberación de Auschwitz por parte das tropas soviéticas, a memoria dos horrores do Holocausto segue viva. En Galicia, onde decenas de persoas foron deportadas aos campos de concentración, a historia de aqueles que padeceron a barbarie nazi continúa sendo un capítulo escuro, pero fundamental, da nosa memoria colectiva ao que temos que facer xustiza para que non se esqueza”, rematou.