A comunidade de augas de Vilar, en Padrenda, verá renovadas as súas instalacións

A comunidade de augas de Vilar, no concello de Padrenda, está a ser obxecto dunha serie de melloras co obxectivo de garantir unha subministración de auga segura e de calidade ás súas 70 vivendas, que suman arredor de 300 usuarios.
As actuacións, financiadas con 12.000 euros a través do Plan específico de acción comunitaria da Xunta de Galicia, inclúen a reparación do manancial da Gándara, a construción dunha cuberta para o depósito, a instalación de duchas e dun sistema de desinfección da auga mediante clorador.
Este programa autonómico, dirixido a comunidades de usuarios de augas, entidades veciñais e asociacións de mulleres rurais, incrementou este ano o seu orzamento ata os 4 millóns de euros, un 33 % máis que en 2024, debido á alta demanda e ao éxito das convocatorias anteriores. Na provincia de Ourense, foron beneficiadas 99 entidades que desenvolverán 128 proxectos destinados a mellorar a calidade de vida da veciñanza e dinamizar o tecido asociativo.
Desde a súa creación en 2016, o Plan específico de acción comunitaria mobilizou preto de 26 millóns de euros en máis de 2.000 iniciativas en toda Galicia, reforzando a cohesión territorial e o asociacionismo local.