A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil reforza o control hídrico no Barbaña

OurenseXa
A CHMS acaba de instalar unha nova estación de medición no río Barbaña que contribuirá a reforzar a capacidade de resposta ante emerxencias, así como a optimizar o uso sostible da auga
nova-estacion-medicion-barbaaña
Nova estación de medición da CHMS no Barbaña
16 Oct 2025

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) finalizou a instalación dunha nova estación de medición de nivel no río Barbaña, situada na cidade de Ourense. Esta actuación forma parte da ampliación da rede do Sistema Automático de Información Hidrolóxica (SAIH), co obxectivo de mellorar a xestión e control dos recursos hídricos.

A infraestrutura, que supuxo unha inversión de 48.381 euros, permite rexistrar e transmitir en tempo real datos hidrometeorolóxicos fundamentais para o seu seguimento e análise no Centro de Control de Conca (CECU).

Segundo a CHMS, a nova estación contribuirá a reforzar a capacidade de resposta ante emerxencias, así como a optimizar o uso sostible da auga, axudando a reducir o impacto do cambio climático e a previr situacións derivadas de fenómenos meteorolóxicos extremos.

A instalación enmárcase dentro do proxecto POCTEP RISC_PLUS, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg VI A España-Portugal 2021-2027, que apoia iniciativas de cooperación transfronteiriza. Do investimento total, 36.285,75 euros sufragáronse mediante este programa europeo.

⚙ Configurar cookies
0.085109949111938