A Confederación Miño-Sil invertiu máis de 72.000 euros na limpeza do Miño

OurenseXa
A CHMS vén de rematar os traballos de eliminación de especies exóticas invasoras nas ribeiras do Miño ao seu paso pola cidade de Ourense
rio-miño-ourense
Río Miño, Ourense
7 Maio 2024

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, finalizou os traballos de retirada de catro especies exóticas invasoras (EEI) moi comúns nesta zona das ribeiras do Miño en Ourense: ailanto, cana, acacia e bambú.

Os traballos consistiron na poda, amontoado e retirada dos rodales de canas, traballos que se completaron, tras o rebrote das mesmas, coa aplicación dun herbicida sistémico de post-emerxencia.

Na retirada dos rodades de Acacia dealbata, utilizouse a técnica de anillado mecánico do tronco, tentando cortar o fluxo de zume, para provocar o esgotamento da planta; aos individuos en que polo seu escaso diámetro o anillado non foi posible, cortáronse, amontoaron e retiraron da zona, para inmediatamente despois da talla, aplicar herbicida con pincel sobre os tocos para o control do rebrote.

Tamén se procedeu á talla, amontoado e retirada dos pés de Ailanthus altissima, e aplicouse herbicida con pincel sobre os tocos para o control do rebrote. Naqueles casos en que o diámetro dos tocos non permitía a aplicación de biocida con pincel por ser moi pequenos e numerosos, realizouse unha aplicación localizada con pulverizador de mochila.

En relación ao bambú, elimináronse os rizomas coa axuda de ferramenta manual e unha miniretroexcavadora, devolvendo de inmediato o terreo ao seu estado orixinal unha vez retiradas as raíces.

Finalmente rematouse a actuación coa plantación manual de frondosas autóctonas que permitirán recuperar progresivamente a vexetación de ribeira.

Na mesma zona e como complemento aos traballos de retirada de EEI, nun tramo que abarca uns 700 metros á altura da EDAR de Reza, procedeuse á retirada de máis dunha decena de chopos de gran tamaño, que presentaban risco de caída sobre a zona de recreo e paseo do Miño.

Os traballos descritos foron realizados por unha brigada composta por 5 operarios especializados, durante case 3 meses e o investimento realizado superou os 72.000 euros.

0.16342902183533