A Consellería do Medio Rural alerta do risco de expansión da flavescencia dourada nos viñedos de Ourense

OurenseXa
O insecto vector será infectivo a partir da próxima semana, o que activa a obriga de aplicar tratamentos fitosanitarios nas zonas tampón
Vide afectada por Flavescencia Dourada
26 Jun 2025

A Dirección Territorial de Ourense da Consellería do Medio Rural informa de que, a partir da próxima semana, está previsto que o insecto vector da flavescencia dourada da vide —a especie Scaphoideus titanus— alcance a fase biolóxica na que pode transmitir a enfermidade ás cepas. Esta enfermidade é altamente perigosa, xa que resulta mortal para as plantas infectadas.

Na provincia de Ourense xa se confirmou a presenza do insecto en diversas zonas dos concellos da Arnoia, Cortegada, Gomesende, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado e Ribadavia. Como consecuencia destas deteccións, a Consellería estableceu zonas tampón nas que é obrigatorio extremar a vixilancia e aplicar tratamentos fitosanitarios co obxectivo de frear o avance da enfermidade. Estas zonas tampón abarcan xa a maior parte dos viñedos da Denominación de Orixe Ribeiro.

Ademais, debido á confirmación da presenza da enfermidade na zona portuguesa limítrofe con Monterrei, as áreas de produción desa comarca tamén foron declaradas zona tampón. Nelas serán de obrigado cumprimento as mesmas medidas preventivas, incluída a aplicación de tratamentos insecticidas específicos.

Co obxectivo de informar e concienciar ao sector, a Consellería do Medio Rural, en colaboración cos concellos afectados, organizou unha serie de charlas informativas dirixidas aos viticultores. Nestes encontros, que pasarán por Verín, Cenlle, Beade, Leiro, Cortegada, A Arnoia, Carballeda, Ribadavia e Castrelo do Miño, explicarase o calendario de tratamentos obrigatorios e detallaranse os produtos fitosanitarios autorizados para combater o insecto transmisor.

⚙ Configurar cookies
0.17300605773926