A Coral de Ruada homenaxea a Virxilio cun concerto polo centenario do seu nacemento

OurenseXa
Será este martes no Centro Cultural Marcos Valcárcel
acto-coral-de-ruada-8m
Coral de Ruada
8 Apr 2025

A Coral de Ruada renderá este martes unha homenaxe ao pintor ourensá, Virxilio, polo centenario do seu nacemento, cun concerto ás 19.30 horas no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Virxilio (Ourense, 1925-2011) foi un destacado artista plástico, pertencente a xeración dos ‘artistiñas’ bautizados por Vicente Risco, un grupo que buscou a renovación da escena artística galega no século pasado. O artista, que comezou a súa traxectoria formándose na Escola de Artes e Oficios de Ourense, trasladouse en 1957 a París para formarse na École Nationale Supérieure des Beaux Art. Tras esta etapa, Alemaña foi o país no que o ourensán colleitou máis éxito, levando as súas obras a localidades como Bonn, Berlín e Franckfurt. A súa obra caracterízase por unha estética que combina a simplicidade formal cunha paleta de cores vibrantes.

Con motivo do seu centenario, o Centro Cultural Marcos Valcárcel está a acoller a exposición ‘Virxilio inédito’, conformada por un centenar de pezas nunca antes expostas, incluíndo dúas vitrinas con debuxos, apuntes e pequenos traballos en papel.

Entre a escolma, poden atoparse as súas clásicas referencias aos retratos de escenas musicais, as súas estancias en Alemaña e as paisaxes. Tamén hai un espazo adicado ao seu traballo como cartelista, con proxectos como os carteis das festas de Ourense, das Xornadas de Folclore, do Magosto, do Entroido ou para a Dirección Xeral de Tráfico.
A mostra complétase cun catálogo que leva textos de José María Pérez Alvarez (Chesi) e Xosé Manoel Rodríguez, que acomete una breve biografía de Virxilio. A mostra estará aberta ao público ata o próximo 11 de maio.

0.16899704933167