A Coral de Ruada protagonizou o acto do 8M organizado pola Subdelegación do Goberno en Ourense

OurenseXa
O subdelegado do Goberno, Eladio Santos, puxo en valor durante o acto o labor do Goberno central para consolidar España como “un país feminista”
acto-coral-de-ruada-8m
Acto do 8M en Ourense
8 Mar 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presidiu o acto institucional que a Subdelegación ourensá organizou para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller.
Durante o mesmo, procedeuse á lectura dun manifesto, que incluíu testemuños sobre hábitos e experiencias que condicionan a saúde mental das mulleres, verbalizados por funcionarios e funcionarias da Subdelegación.

Nel detalláronse os tres principais factores que explican por que as mulleres son máis vulnerables a trastornos de saúde mental; como son os factores biolóxicos e hormonais; a carga mental e a dobre xornada; e a violencia e a discriminación de xénero.

Pechou o acto o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, que comezou sinalando a quen cuestiona a celebración do Día da Muller porque “está cuestionando a loita pola igualdade, desde unha posición machista. E queremos que a nosa sociedade sexa territorio hostil para o machismo”, dixo.

Nesta liña, destacou o compromiso do Goberno central para que España se consolide “como un país feminista”, facendo fincapé nas actuais políticas públicas. “A seguridade das mulleres, o dereito a unha vida libre de violencias é unha condición sine qua non para que as mulleres poidan desenvolver os seus proxectos vitais e exercer a súa plena cidadanía”, explicou.

Co fin de lograr este obxectivo, Santos asegurou que o Estado loitará “contra a onda reaccionaria da ultradereita negacionista da igualdade. Defenderemos os avances conseguidos e a lexislación impulsada”, dixo; tendendo a man a todos os colectivos feministas, ás demais institucións e a toda a sociedade para acadalo.

A este acto institucional asistiron tamén representantes do Concello de Ourense, Garda Civil, Policía Nacional, organismos da Administración Xeral do Estado e funcionarios públicos. A xefa da Unidade de Violencia contra a Muller, Alida Iglesias, foi a encargada de conducir o acto, que contou coa actuación musical da Coral de Ruada.

⚙ Configurar cookies
0.53925609588623