A Coral Solpor e os coros universitarios do campus de Ourense actúan este domingo en Celanova

OurenseXa
O Mosteiro de San Salvador será o escenario do concerto ‘O canto da serea e a mirada meiga dos ollos’, que arrancará ás 19.00 horas
concerto-canto-da-serea-celanova
11 May 2025

Este domingo, 11 de maio, ás 19.00 horas, o mosteiro de San Salvador de Celanova será o escenario do concerto O canto da serea e a mirada meiga dos ollos. O evento, promovido pola Vicerreitoría do campus de Ourense, contará coa participación dos coros do propio campus, tanto o infantil como o de adultos, xunto coa Coral Solpor de Celanova. A actividade conta co apoio da Fundación Curros Enríquez, o Concello de Celanova e a Deputación de Ourense. A entrada será libre ata completar aforo.

No concerto tamén intervirán os músicos Noel de Dios (percusión), Inés Couto (frauta) e Juan Pablo Gil (saxo alto), acompañando as distintas formacións corais, que ofrecerán actuacións individuais antes de unirse en varias interpretacións conxuntas. Esta proposta forma parte do compromiso do campus de Ourense por levar a súa oferta cultural máis alá da cidade, promovendo ademais a difusión da música coral e establecendo vínculos con entidades locais.

A sesión comezará coa Coral Solpor, dirixida por María Amelia Alonso e coa pianista María José Mosquera. Interpretarán as pezas Os teus ollos, Resoa no Carballiño e María si vas. A continuación será a quenda do Coro Universitario do Campus de Ourense (CUCO), baixo a batuta de Ruth González e cos directores convidados Mateo Iglesias e Miguel G. Sáez.

Estarán acompañados ao piano por Alejandro Fírvida e presentarán un repertorio ecléctico que abarca diferentes épocas e estilos. O público poderá escoitar obras como Jubilate Deo (baseada no Salmo 100), Dindirindin do Cancioneiro de Palacio, Dadme albricias do Cancioneiro de Uppsala, Gaudete do século XVI, así como temas máis contemporáneos como My love is always here, Dirait-on e Mamma mia!.

Ambas formacións interpretarán xuntas as obras Lux Aeterna e Terra Maina. Finalmente, será a quenda do coro infantil Cuquiños, dirixido por Víctor Vicente Fernández, que interpretará Miles de estrelas e Cando pecho os ollos. Para pechar o concerto, unirase ao coro de adultos para ofrecer as pezas O mundo que nos rodea e Adiemus.

⚙ Configurar cookies
0.16345500946045