A décima edición do Ouren Sound Fest pon a Pereiro de Aguiar no epicentro do circuíto nacional de festivais

Do 22 ao 25 de maio, o Complexo de Monterrei albergará a 10ª edición do Ouren Sound Fest, cun cartel que aglutina ao máis punteiro do panorama indie nacional, como son Dani Fernández, Viva Suecia, Siloé ou Sexy Zebras, así como artistas galegos consolidados como son Xoel López ou Guadi Galego.
Na presentación deste evento cultural, “un motivo máis para sentirnos orgullosos do que somos capaces de traer a esta provincia”, recalcou Luis Menor, participaron tamén o director do certame, Rubén Álvarez; o responsable de Mahou en Galicia, Hugo Pérez; o xefe territorial de Turismo en Ourense, Cecilio Santalices; e a directora territorial de Cultura na provincia, Sandra Quintas. O director do Ouren Sound Fest quixo felicitar expresamente á Deputación “polo seu compromiso, cunha financiación acorde á dimensión deste festival”.
O presidente provincial fixo fincapé na extraordinaria calidade do cartel, “acorde con este certame e o seu décimo aniversario, que nos coloca no circuíto nacional de festivais”. Tamén manifestou o seu “orgullo” de que este evento teña lugar nun espazo, o Complexo de Monterrei, “que é un gran centro de ocio e espectáculo”.
Deixou claro Luis Menor que o fundamental desta proposta “é que os nosos veciños desfruten dun evento desta magnitude, sendo ademais un escaparate inmellorable para toda a provincia” Amosou tamén Menor a súa confianza en que se superarán as 14.000 entradas previstas, coa estimación de que o 40% serán de fóra de Galicia, tal e como sinalou a organización.
Menor recalcou que un dos indicativos do éxito do Ouren Sound Fest é o constante interese e apoio dos patrocinadores privados, “que acredita o éxito deste evento consolidado”, remarcando que esta 10ª edición “non é un punto final, é un punto de partida”.
Por último, Luis Menor proclamou que “a Deputación estará para apoiar a Cultura e todo o moito que ten por ofrecer esta magnífica provincia”
O festival comezará o xoves 22 de maio na praza da igrexa de Pereiro de Aguiar, con conocertos de Helena (19.45h) e HYDN (20.45h). O venres, 23 de maio, trala apertura de portas ás 18.30h, actuarán Duendeneta, Gargantúa, Siloé, Dani Fernández, Sexy Zebras e rematará a xornada con Carlos Crespo & Kris K DJs. O sábado, 24 de maio, a apertura de portas será ás 17.00 horas, coas actuacións de Martin Bruhn DJ (Vibra), Neverland Bari, Guadi Galego, Xoel López, Viva Suecia, Ultraligera e rematará a xornada con Hoonine. O domingo 25 de maio, a praza da igrexa de Pereiro de Aguiar acollerá a actuación de Pakolas Ramona Orbita.