A defensa da igualdade centra en Barbadás a conmemoración institucional do 8M

OurenseXa
O acto celebrado xunto á Glorieta da Familia puxo o foco na igualdade de oportunidades, no labor do CIM e na necesidade de rematar coa discriminación de xénero
BARBADÁS 8m
8 Mar 2026

Barbadás sumouse á conmemoración do Día Internacional da Muller cun acto institucional celebrado nas inmediacións da Glorieta da Familia, onde o Concello quixo reivindicar a igualdade de oportunidades e insistir na necesidade de poñer fin á discriminación de xénero.

Durante a xornada, o tenente de alcalde e concelleiro de Igualdade, Daniel Rey, destacou o traballo que desenvolven as profesionais do Centro de Información á Muller (CIM) de Barbadás, subliñando a súa atención diaria ás veciñas máis vulnerables do municipio e o papel fundamental que desempeñan no acompañamento e apoio ás mulleres.

O acto contou tamén coa participación de Silvia Arce, referente do deporte feminino en Barbadás, e de Eva Rey, veciña e integrante da Asociación Galega de Covid Persistente. Ambas foron as encargadas de dar lectura aos manifestos preparados con motivo do 8M, nos que se puxo o acento na defensa dunha sociedade máis xusta, libre de desigualdades e sen discriminación por razón de xénero.

Ademais do acto institucional, a veciñanza tivo á súa disposición durante toda a mañá un posto informativo do CIM, no que puido coñecer de primeira man os servizos municipais de atención ás mulleres. Con esta iniciativa, Barbadás reforzou a súa mensaxe de compromiso coa igualdade e coa visibilización dos recursos de apoio existentes no municipio.

0.13170218467712