A Deputación abre este mércores o prazo para presentar solicitudes ao programa de Termalismo Social 2026

OurenseXa
O programa permitirá gozar de estancias termais ao longo de todo o ano, xa que os balnearios ofertarán quendas desde xaneiro ata decembro de 2026
Programa de Termalismo Social da Deputación de Ourense
6 Jan 2026

A Deputación de Ourense abrirá este mércores, 7 de xaneiro, o prazo para presentar solicitudes ao programa de Termalismo Social correspondente ao ano 2026. Desde mañá, as persoas interesadas poderán tramitar a súa participación a través de internet ou empregando outras vías habilitadas para facilitar o acceso ao programa.

Ademais da solicitude en liña, a institución provincial ofrecerá atención presencial nas oficinas da Área de Benestar, situadas no edificio de Correos da rúa Progreso, a partir das 8:30 horas. Tamén será posible realizar as xestións a través dos traballadores sociais da maior parte dos concellos da provincia ou contactando directamente cos balnearios participantes, que actúan como entidades colaboradoras.

O programa permitirá gozar de estancias termais ao longo de todo o ano, xa que os balnearios ofertarán quendas desde xaneiro ata decembro de 2026. A primeira destas estancias comezará o 19 de xaneiro no balneario de Laias, poucos días despois da apertura do prazo de solicitudes.

A modalidade con maior número de prazas será a de estancias termais de seis días e cinco noites, que inclúe aloxamento, pensión completa, técnicas termais e acceso ás piscinas de augas mineromedicinais. Xunto a esta opción, o programa contempla outras modalidades adaptadas a diferentes necesidades.

Toda a información detallada sobre modalidades, prezos, requisitos e calendario de quendas pode consultarse na web termalismourense.com, onde tamén figuran os balnearios participantes e as novidades do programa para 2026. Ademais, a Deputación habilitou varias liñas telefónicas de información para atender as consultas ante o previsible incremento da demanda nos primeiros días do prazo.

⚙ Configurar cookies
0.081873178482056