A Deputación activa o Plan Provincial de Vivenda con 500.000 euros para fomentar o alugueiro nos pequenos concellos

A Deputación de Ourense aprobou na súa Xunta de Goberno o novo Plan Provincial de Vivenda, dotado con medio millón de euros, co obxectivo de impulsar o alugueiro residencial en concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes. A iniciativa dá cumprimento a un acordo plenario adoptado o pasado mes de abril.
O presidente provincial explicou que o plan está dirixido á rehabilitación, adquisición ou mellora de vivendas municipais destinadas ao alugueiro como vivenda habitual. “Trátase dunha ferramenta útil e directa para combater o despoboamento e facilitar o acceso á vivenda no rural”, sinalou, destacando que os inmobles beneficiarios deberán destinarse ao alugueiro durante polo menos cinco anos.
Cada concello poderá presentar unha única solicitude e optar a un máximo de 40.000 euros en axudas. O prazo para solicitalas será de dous meses desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.
Na sesión tamén se aprobaron 13 expedientes por un total de 923.902,68 euros. Entre eles, 204.671,68 euros en axudas a seis concellos —O Irixo, Riós, San Xoán de Río, Vilamarín, A Peroxa e Cortegada—, e 40.000 euros para AFAOR, destinados á ampliación das súas instalacións.
Ademais, concedéronse 74 axudas a emprendedoras a través do programa EmprendOU en feminino, cun importe global de 100.000 euros, e 54 axudas a entidades deportivas e asociacións sen ánimo de lucro para a organización de eventos, por un total de 79.231 euros.
Tamén quedaron aprobados os prezos públicos de Pazolandia, que se celebrará do 26 de decembro ao 4 de xaneiro. As entradas manterán o prezo de 5 euros (4 euros para grupos promovidos por concellos e asociacións).
Por último, aprobouse o Plan Anual de Publicacións, composto por sete obras de temática histórica, cultural e social, entre as que destacan títulos como A obra da Ponte Maior no século XV, Curros e Junqueiro: a liberdade e o espírito ou Ramón Conde. Entre las emociones y la razón. A obra A virxe do Cristal será distribuída gratuitamente en bibliotecas e puntos de lectura da provincia polo seu interese social.