A Deputación adaptará os procesos selectivos ás persoas con síndrome de Down

OurenseXa
“Queremos unha administración provincial aberta e accesible a todas as persoas”, asegura Luis Menor
Luis Menor visita as instalacións de Down Ourense
11 sep 2024

O presidente provincial, Luis Menor, visitou este martes as dependencias da Asociación Down Ourense, no barrio das Lagoas, onde comprobou xunto á presidenta do colectivo, María Sonia González Sánchez, o labor que alí se leva a cabo, destacando a preparación de procesos selectivos para as administracións públicas nas prazas reservadas a persoas con discapacidade, co obxectivo de axudar a desenvolver unha rutina de estudo que mellora a preparación para o exame de oposición, proporcionando ferramentas que faciliten o éxito nos exames e mantendo a motivación no estudo.

Luis Menor anunciou que a Deputación de Ourense adaptará os seus temarios para facilitar o acceso aos procesos selectivos ás persoas con síndrome de Down: “Queremos unha administración provincial aberta e accesible a todas as persoas”, sinalou o presidente provincial.

A Deputación tamén colaborará coa nova sede da asociación a través dunha achega de 50.000 euros, axuda que se suma ás que a institución provincial ven outorgando nos últimos anos a este colectivo en materia de formación para o emprego.

Menor tamén aproveitou para felicitar a Down Ourense polo seu labor, con diversos programas de formación para fomentar unha completa integracións dos seus usuarios, así como polo recente fito que supuxo que 7 membros de Down Ourense gañaran a liga nacional de debate de persoas con discapacidade, bautizado como “Yo tengo opinión”.

0.14615893363953