A Deputación adxudica a infraestrutura tecnolóxica para desenvolver a iniciativa “Hai un Ourense para ti”

OurenseXa
A Xunta de Goberno vén de aprobar a adxudicación da prestación deste servizo a Telefónica Solucións de Informática e Comunicacións de España, SAU, por un importe total de 111.043,90 euros
Xunta de Goberno da Deputación de Ourense
Xunta de Goberno da Deputación de Ourense
27 Maio 2024
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar na súa sesión ordinaria semanal a contratación da prestación do servizo consistente na provisión da infraestrutura tecnolóxica, da iniciativa “Hai un Ourense para ti. Descúbreo”. A empresa adxudicataria deste expediente é Telefónica Solucións de Informática e Comunicacións de España, SAU, por un importe total de 111.043,90 euros (IVE excluído).
A provisión desta infraestrutura tecnolóxica englóbase no marco do convenio subscrito entre a entidade pública empresarial Red.Es e a Deputación para o desenvolvemento do Plan Nacional de Territorios Intelixentes da Axenda Dixital para España.
Ten como principal obxectivo avanzar na Conversión da provincia de Ourense nun Destino Turístico Intelixente, dotando a mesma de infraestrutura, equipos e servizos que permitan combater a fenda dixital e melloren a experiencia do turista estudando e xestionando os fluxos turísticos nos principais puntos de interese para axustar a capacidade de carga turística da zona e poñendo en valor o patrimonio histórico, natural e cultural da provincia.
A peza crave da presente iniciativa é a implementación dunha plataforma integrada de turismo intelixente que poña ao dispor do turista información de interese dos principais recursos turísticos da provincia de Ourense, para ofrecerlle servizos personalizados e experiencias inmersivas.
Na mesma sesión, a Xunta de Goberno autorizou cambios nos destinos de determinados importes do Plan CooperOU, solicitados polos concellos de Arnoia (28.397,86 euros); Manzaneda (51.151,28 euros) e Vilamarín (5.953,14 euros).
0.11601686477661