A Deputación apoiará o FITO e a MITEU cunha achega de 39.000 euros
A Xunta de Goberno da Deputación Provincial, na súa sesión ordinaria semanal, vén de aprobar a mobilización de 377.957,98 euros para a cooperación, tanto cos municipios da provincia (180.766 euros), como con diferentes entidades (197.191,98 euros).
Así, neste apartado da cooperación con diferentes entidades, a Deputación consigna axudas para diversos eventos de relevancia para a provincia, dada a súa dimensión e repercusión. Un exemplo é o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO) e a Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU), que percibirán en conxunto unha achega de 39.000 euros para a súa celebración en Ourense. Tamén colaborará a Deputación coa Real Federación Española de Atletismo para a celebración en Ourense do vindeiro Campionato de España Absoluto de Atletismo en pista cuberta, para o que a institución provincial aporta 60.000 euros. A Feira de Antigüidades organizada pola Asociación Cultural percibirá 2.000 euros e o Club de Tiro “O Pedreiriño” de Entrimo obterá 48.046,05 euros para o acondicionamento do seu campo de tiro.
No que atinxe á colaboración municipal, a Deputación vén de conceder 180.766 euros a sete concellos da provincia para para gastos culturais; un plan piloto de comunidades enerxéticas, así como unha planta potabilizadora; para o II Seminario Internacional de Educación Social e III Convivencia Profesional e Interuniversitaria de Educación Social. Tamén para un proxecto de optimización na iluminación pública; cofinanciamento de proxectos, para a primeira fase dun proxecto de rehabilitación de vivenda e para a mellora de rúas e de eficiencia enerxética.