A Deputación aposta pola promoción do sector primario ouresán en Xantar

OurenseXa
A feira pode visitarse ata este próximo domingo, 23 de novembro
deputacion-xantar-2025
21 Nov 2025

A Deputación de Ourense participa un ano máis en Xantar, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que celebra a súa 26ª edición do 20 ao 23 de novembro en Expourense, cun amplo programa para promocionar a calidade agroalimentaria e os recursos turísticos da provincia.

Durante o acto inaugural, a vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa, salientou a importancia deste encontro para poñer en valor o sector primario ourensán. Destacou que a marca “Ourense enogastronómica” volverá “a exhibirse no mellor escaparate posible que é Xantar”. Subliñou tamén que a continuidade do evento ao longo de máis de dúas décadas “non só pon de relevo que estamos ante un clásico do calendario de salóns feirais, senón ante un recinto que nestes días se converte nun templo gastronómico”.

Pola súa banda, o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, detallou as accións previstas no marco da feira. Entre elas figuran o restaurante promovido en colaboración con Coren e Cuevas, así como os stands dos xeodestinos “Terras de Celanova-Serra do Xurés” e “Trevinca-Valdeorras”, xestionados polo organismo provincial. Amais, a Deputación conta cun stand específico para a promoción dos recursos turísticos da provincia, con especial atención á Vía da Prata.

Como novidade, este ano Xantar incorpora un espazo dedicado ao Centro de Transformación para pequenas producións sostibles de Cantoña, impulsado pola Deputación, co obxectivo de dar a coñecer os seus servizos e captar novos usuarios. Durante a fin de semana comercializaranse alí os primeiros produtos elaborados no propio centro.

A programación completase coa iniciativa “O mercado en rural co porco celta”, apoiada pola Deputación, que terá lugar o 23 de novembro, de 12:00 a 13:00 horas, na aula gastronómica. O chef Martín Fernández, do Bágoa Gastrobar, será o encargado de preparar dúas receitas elaboradas a base de porco celta.

⚙ Configurar cookies
0.074034929275513