A Deputación aproba un investimento histórico de 9,5 millóns para a rede viaria provincial

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou este venres unha modificación de crédito por valor de 28 millóns de euros que permitirá incrementar de forma significativa o investimento na rede viaria provincial, acadando unha cifra histórica de 9,5 millóns de euros.
Do total aprobado, 5 millóns destinaranse á conservación e mantemento dos 1.850 quilómetros de estradas de titularidade provincial, que se suman aos 4,5 millóns xa previstos no orzamento vixente. Segundo explicou a institución, esta dotación reforza o traballo ordinario en infraestruturas e permite seguir atendendo as necesidades da rede viaria.
O expediente, o primeiro do ano, inclúe recursos para distintos ámbitos de actuación como medio ambiente, benestar social, cultura, deporte ou promoción económica e turística, co obxectivo de impulsar programas e servizos en toda a provincia.
Na área medioambiental consígnanse 7,5 millóns de euros, destinados principalmente á recollida de residuos, melloras en instalacións e renovación de equipamento. En materia social, resérvanse 1,3 millóns para programas en colaboración cos concellos, mentres que cultura e deporte contarán con 1,6 millóns, incluíndo iniciativas como o plan provincial de lectura ou axudas para a formación de técnicos deportivos.
No ámbito das emerxencias, o Consorcio Provincial de Bombeiros e Salvamento recibirá máis de 1,4 millóns, que, xunto coa achega aos GES e Protección Civil, eleva a máis de 2,2 millóns o investimento destinado a este servizo. Pola súa banda, o Inorde contará con 450.000 euros para a dinamización turística e a colaboración en proxectos europeos.
Entre outras partidas, a modificación inclúe 2,4 millóns para o convenio coa Xunta de Galicia para rematar o Parque Acuático de Monterrei, 440.000 euros para a mellora das prazas de abastos e 350.000 euros para axudas ao sector agroganadeiro destinadas a potenciar prácticas sostibles.
Tamén se recollen investimentos en vivenda, cooperación con entidades educativas e culturais, apoio ao emprendemento ou o financiamento de proxectos como os Plans de Actuación Integrados en distintas zonas da provincia.
Durante a sesión plenaria abordáronse ademais diferentes asuntos relacionados coa xestión de residuos. Aprobáronse dúas ordenanzas vinculadas á recollida e tratamento de residuos de construción e demolición, así como o seu réxime económico, paso previo á posta en marcha deste servizo. Así mesmo, a Deputación aprobou a súa adhesión a un novo convenio en materia de xestión de envases lixeiros de papel e cartón, co obxectivo de adaptarse á normativa vixente e aos custos derivados da súa aplicación.
Por outra banda, o Pleno deu luz verde a varias mocións relacionadas coa futura Lei de Administración Local de Galicia, o transporte metropolitano de Ourense, o benestar animal e a prevención de incendios forestais. Entre outras cuestións, proponse melloras no financiamento local, avances na coordinación do transporte público e medidas de apoio aos concellos en materia de protección animal e xestión do territorio.