A Deputación colabora na celebración do 150 aniversario da primeira publicación do xornal “O Tío Marcos d’a Portela”

A Deputación colabora na celebración do 150 aniversario da primeira publicación do xornal “O Tío Marcos d’a Portela”. O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, resaltou a relevancia desta conmemoración, sinalando que se trata dun dos grandes referentes dos medios en galego, cunha tiraxe que chegou aos 4.000 exemplares e que foi impulsado por Valentín Lamas Carvajal, unha figura destacada da provincia.
Durante este ano, a cidade de Ourense acollerá varias actividades en lembranza deste xornal pioneiro, entre as que se inclúen un roteiro polo Ourense que coñecía Lamas Carvajal, un xantar popular, un concerto, xornadas de divulgación e a dixitalización completa da colección do xornal.
A comisión organizadora presentou hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel o programa de actos, contando coa presenza de representantes institucionais como a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, o secretario xeral da Lingua da Xunta, Valentín García, e membros da Real Academia Galega, ademais de concelleiros e representantes de entidades culturais locais.
As celebracións comezarán o 7 de febreiro, data que coincide co primeiro número da publicación en 1876. Entre as actividades previstas para ese día destaca un roteiro histórico-cultural por Ourense, cun percorrido por dez puntos relacionados coa vida e obra de Lamas Carvajal. O itinerario inclúe lugares como o cemiterio de Ourense, a praza do Correxidor, o xardín do Posío e a praza Maior, rematando no Liceo de Ourense cun concerto da coral Ruada e un xantar popular. As persoas interesadas en asistir ao xantar poden inscribirse ata o 3 de febreiro a través do correo electrónico liceodeourense@hotmail.es
ou chamando ao teléfono 988 220 650.