A Deputación comezou en Celanova unha campaña contra a violencia machista que percorrerá os centros educativos da provincia

OurenseXa
A campaña pretende visibilizar como as novas formas de violencia machista aparecen hoxe en espazos dixitais, especialmente entre a mocidade
campaña-deputacion-ourense-25n-celanova
26 Nov 2025

A Deputación de Ourense, a través da Área de Igualdade, presentou este martes a campaña institucional do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha acción dirixida ao alumnado de secundaria centrada na prevención da violencia machista nas redes sociais.

A actividade botou a andar no Colexio Sagrado Corazón de Celanova, onde foi proxectado o vídeo creado especificamente para esta edición, baixo o título “O machismo, a storie que non se debería viralizar”, e percorrerá varios centros educativos da provincia. Ademais, estará presente nas canles dixitais da Deputación.

A campaña pretende visibilizar como as novas formas de violencia machista aparecen hoxe en espazos dixitais, especialmente entre a mocidade, a través de comentarios, controis disimulados, mensaxes invasivas ou contidos que normalizan actitudes machistas baixo aparencias de “amor”, “celos” ou “humor”.

O vídeo, que fooi gravado no propio centro educativo en colaboración cos estudantes, recrea situacións cotiás, e reflicte mensaxes de control por WhatsApp, comentarios ofensivos nas redes sociais, vídeos viralizados con contidos tóxicos ou presión social para aceptar comportamentos que non son amor, senón violencia.

A través de distintos escenarios no patio, na aula e nas plataformas dixitais máis utilizadas pola mocidade, como WhatsApp, Instagram e TikTok, a peza aborda os celos, as mensaxes ofensivas e violentas, ou a normalización da violencia machista nas redes. Con estas ideas, a campaña convida ao estudantado a reflexionar sobre o poder que teñen na difusión de contidos e na creación de contornas dixitais seguras e igualitarias.

O presidente provincial, Luis Menor, destacou na presentación a importancia de concienciar ás novas xeracións sobre o papel que xogan as redes para previr este tipo de violencia. “A vosa xeración ten un papel decisivo: cada like, cada comentario e cada historia que subides constrúe cultura. E se algo debe facerse viral, que sexa o respecto e a igualdade”, sentenciou. Pola súa banda, a deputada de Igualdade, Teresa Barge, subliñou a importancia de “identificar as novas formas de violencia que nacen no móbil e que ás veces pasan desapercibidas. O 25N constrúese tamén dende cada decisión que tomades nas redes”.

⚙ Configurar cookies
0.082709074020386