A Deputación comprométese a crear un plan de cooperación cos concellos para mitigar os riscos do gas radon
A Deputación de Ourense creará un plan de cooperación cos concellos para a protección da veciñanza fronte aos riscos do gas radon, un elemento radioactivo natural, incoloro e inodoro, que se acumula en espazos pechados e cuxa inhalación prolongada asóciase a un maior risco de cancro de pulmón.
Así o acordou este venres a Corporación provincial no pleno ordinario correspondente ao mes de xaneiro, logo de apoiar por unanimidade unha moción presentada polo PSdeG na que se destaca que Ourense é a provincia galega cuns índices máis elevados de concentración deste gas polas súas características xeolóxicas, é dicir, pola presenza de chans graníticos.
Segundo a iniciativa aprobada hoxe, o programa de cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes -todos os da provincia agás a capital- terá como obxectivo o control e eliminación deste elemento para protexer a saúde da veciñanza fronte aos riscos asociados ás elevadas concentracións de radon.
Para levar a cabo este plan tamén se propón a colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para realizar os estudos necesarios que axuden a controlar o gas nos concellos adscritos ao plan. Unha iniciativa que se formula como gratuíta, sempre que sexa posible, e en cooperación con outras administracións multiplicando as accións de divulgación e sensibilización sobre os perigos das elevadas concentracións de gas.
Desde o departamento de Prevención de Riscos Laborais da Deputación de Ourense elaboraranse ademais informes periódicos sobre a presenza do gas nos edificios provinciais e a exposición dos traballadores, co fin de que se adopten as medidas necesarias para reducir os seus niveis, informando cada trimestre dos controles e medidas feitas. Tamén desde a citada área colaborarase cos concellos, sexa no ámbitos normativo ou consultivo, para paliar o impacto e previr os efectos perniciosos da exposición a este gas.