A Deputación continúa apostando polo impulso da área recreativa de Cachamuíña coa instalación de aseos públicos

OurenseXa
A actuación súmase a outras iniciativas levadas a cabo nos últimos anos neste espazo no que a institución provincial leva investidos máis de 560.000 euros
Encoro de Cachamuiña
8 Apr 2026

A Deputación de Ourense saca a licitación as obras para a construción de aseos públicos na área recreativa e deportiva de Cachamuíña, no concello de Pereiro de Aguiar.

O proxecto conta cun orzamento base de execución de 172.054,71 euros e contempla un prazo estimado de oito meses desde o inicio das obras, destinadas a mellorar os servizos nun dos espazos naturais máis frecuentados da contorna da cidade.

A intervención, salientan dende a institución provincial, permitirá dotar este enclave dun equipamento esencial para garantir a comodidade das persoas usuarias, reforzando o uso público e sostible dunha zona que combina natureza, deporte e lecer e que rexistra unha elevada afluencia ao longo de todo o ano.

O proxecto inclúe a construción dun módulo de aseos completamente equipado, así como as instalacións necesarias para o seu funcionamento, entre elas sistemas de saneamento, fontanería e electricidade, cumprindo coa normativa vixente en materia de accesibilidade, seguridade e eficiencia.

Esta actuación forma parte da aposta da Deputación de Ourense por mellorar as infraestruturas públicas en espazos naturais de alta afluencia, contribuíndo a unha mellor experiencia para veciños, veciñas e visitantes, ao tempo que se promove un uso ordenado e respectuoso do medio. Ademais, súmase a outras actuacións a cabo neste espazo, referente de lecer ao aire libre na provincia de Ourense, no que a Deputación leva investidos máis de 560.000 euros.

Entre as intervencións xa executadas nesta área están o parque infantil inclusivo, a nova pasarela peonil e o parque canino, recentemente inaugurado. Ademais, a área conta tamén con zonas de calistenia, o Parque da Igualdade e novos aparcadoiros, que permiten dar resposta á elevada demanda das persoas que se desprazan diariamente a este espazo recreativo e deportivo.

Con estas actuacións, a Deputación de Ourense continúa reforzando a área de Cachamuíña como un espazo moderno, accesible e adaptado ás necesidades da cidadanía, consolidando un dos principais pulmóns verdes e de lecer da contorna da cidade.

aseos Cachamuiña (2)
0.12290000915527