A Deputación convoca aos servizos sociais da provincia a participar nunha xornada sobre dixitalización e benestar

OurenseXa
Será este martes, 20 de maio, co obxectivo de presentar as novidades dos programas xestionados desde este a Área de Benestar da institución provincial
pazo-provincial-da-deputacion-de-ourense
18 May 2025

A Deputación de Ourense, a través da Área de Benestar, desenvolverá o próximo martes, 20 de maio, unha xornada de traballo dirixida aos profesionais dos servizos sociais comunitarios dos 91 municipios da provincia menores de 20.000 habitantes, a totalidade deles agás a capital.

O obxectivo deste encontro é presentar as novidades dos programas de benestar xestionados desde este departamento, así como compartir coñecementos e experiencias relacionadas coa transformación dos servizos sociais a través da innovación, a orientación ao dato e a interconexión.

Dixitalización da “economía dos coidados” desde o ámbito local

Nunha contorna tecnolóxica en constante evolución, as administracións locais, e en especial, os departamentos de políticas sociais que prestan servizos ás persoas no marco da “economía dos coidados”, enfróntanse ao desafío da dixitalización, optimizar e integrar os procesos administrativos de solicitude, xestión e xustificación dos mesmos.
Neste contexto, na xornada analizaranse as posibilidades e a evolución do grao dixitalización dos municipios ourensáns na xestión do servicio de atención no fogar, programa que require a maior parte dos recursos municipais destinados aos servizos sociais.

Teleasistencia

Entre o contido da xornada figura a presentación do Grupo Iluniun da ONCE como nova empresa prestadora do servizo de teleasistencia provincial, contando co seu director de servizos de proximidade, Sergio Enrique Sánchez, que exporá as principais novidades que se abordarán en Ourense, especialmente no campo tecnolóxico. Desde a institución provincial detallarase a evolución deste servizo, as novas características e as previsións anuais de cobertura.

Cooperación cos concellos e interconexión

Na cita do próximo martes abordaranse outros sete temas, como a dixitalización dos municipios da provincia de Ourense na xestión do servizo de atención no fogar, o programa que require unha maior porcentaxe do orzamento municipal destinado aos servizos sociais.

Tamén se analizará o programa de cooperación provincial para o cofinanciamento e dixitalización dos servizos municipais básicos de axuda no fogar, así como a posibilidade de xestionar solicitudes desde os servizos sociais ás diferentes modalidades do Programa de Termalismo Social provincial. Outro dos temas para tratar será as liñas xerais do programa provincial de cofinanciamento de proxectos do terceiro sector. Falarase ademais das novidades do programa provincial de apoio á natalidade ou a próxima posta en marcha do “padrón en liña” que entre outras utilidades permitirá coñecer a evolución da poboación municipal en tempo real.

Responsables do SERGAS, da Consellería de Sanidade e ALCER expoñerán ademais como se pode presentar o “documento de instrucións previas sobre coidados e tratamento da saúde”, para que as persoas podan expresar a súa vontade e sexa respectada no momento en que non teña capacidade para manifestala.

⚙ Configurar cookies
0.16597700119019