A Deputación de Ourense abre un novo prazo de adhesión ao Plan de Lectura

A Deputación de Ourense abre un prazo excepcional para que os concellos que non se sumaron ao Plan de Lectura provincial na súa primeira convocatoria poidan facelo agora. A nova data límite para inscribirse será o 24 de outubro, co obxectivo de “facilitar que esta iniciativa alcance a todos os municipios da provincia”, tal e como aseguran dende a institución provincial.
O Plan de Lectura provincial, impulsado pola Deputación de Ourense en colaboración co Concello da capital, ofrece axudas aos menores empadroados na provincia para a compra de libros en librarías adheridas ao programa. Cun investimento total de 350.000 euros, o obxectivo é fomentar os hábitos de lectura e favorecer o acceso á cultura entre a mocidade ourensá.
Na primeira fase do programa xa se adheriron 85 concellos, e con esta ampliación poderán incorporarse tamén A Pobra de Trives, Castro Caldelas, Entrimo, Manzaneda, Porqueira, Ramirás e Vilardevós.
As adquisicións poderán realizarse ata o 20 de decembro de 2025 e cada participante poderá obter unha axuda para a compra dun libro cun valor máximo de 20 euros, dispoñible nas máis de cincuenta librarías adheridas en toda a provincia.
O Plan de Lectura está dirixido a mozos nados a partir do ano 2007 e empadroados nalgún concello da provincia de Ourense. Ademais, as axudas son compatibles con outras subvencións de finalidade semellante procedentes doutras institucións públicas ou privadas.