A Deputación de Ourense afianza a cooperación institucional en Pontedeva
O presidente da Deputación, Luis Menor, visitou hoxe o municipio de Pontedeva, percorrido que comezou na Casa Consistorial acompañado alcalde, Juan Carlos González Carbajales, e membros da corporación.
Luis Menor e Juan Carlos Carbajales abordaron as principais liñas de cooperación institucional entre ambas administracións. Así, en primeiro lugar, analizaron a achega que o novo plan de cooperación da Deputación, CooperOU, adicará este ano a Pontedeva, que ascende a 116.000 euros, “que constitúe prácticamente un terzo do seu orzamento e que contribuirá a mellorar a atención á veciñanza e cobertura das súas necesidades”, sinalou Luis Menor.
Doutra banda, estudáronse diversas vías de colaboración en materia de infraestruturas viarias e estradas provinciais e locais. Tamén abordaron a colaboración para o desenvolvemento industrial do polígono empresarial deste municipio que dá emprego a máis de 100 persoas, “o cal constitúe un auténtico modelo de desenvolvemento nun concello de pequenas dimensións”, explicou o presidente provincial, polo que anunciou tamén a colaboración para habilitar oito locais para a instalación de autónomos e pequenos empresarios, “algo que nos parece unha actuación moi interesante dentro dun modelo de desenvolvemento do ámbito local”.