A Deputación de Ourense amosa o seu apoio ao sector primario e reclama medidas para garantir a súa viabilidade

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou este venres un amplo acordo polo que traslada o seu respaldo institucional aos agricultores e gandeiros da provincia e reclama a posta en marcha de diferentes medidas para defender a viabilidade do sector primario.
Entre os puntos aprobados figura a petición aos eurodeputados españois para que non avalen a entrada en vigor do acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur mentres non se garantan cláusulas de protección automáticas, controis efectivos nas fronteiras e unha redución das esixencias que recaen sobre os produtores.
O acordo inclúe tamén unha demanda á Xunta de Galicia para reforzar as políticas de sanidade animal ante o risco de expansión da dermatose nodular contaxiosa, coa posta en marcha de medidas de prevención, control da fauna salvaxe e vacinación gratuíta e inmediata, así como a actualización das compensacións por perdas e o mantemento dos camiños nas zonas con concentración parcelaria.
No ámbito ambiental, o Pleno solicita á Confederación Hidrográfica Miño-Sil que cumpra coas súas obrigas de limpeza e conservación dos ríos e cursos fluviais da provincia para evitar danos nas explotacións agrogandeiras. Ademais, a Corporación rexeitou de maneira rotunda a proposta de recorte do 22 % dos fondos da Política Agraria Común para o período 2028-2034 e reclamou a simplificación da burocracia na solicitude das axudas, co obxectivo de facilitar o acceso das explotacións familiares ao Plan Estratéxico da PAC.
A Deputación reclama tamén o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria para evitar que os produtores vendan por debaixo dos custos de produción, así como medidas que contribúan á fixación de poboación no rural e á sustentabilidade das explotacións. Entre as propostas aprobadas figuran a posta en marcha dunha campaña institucional de promoción do consumo de produtos de quilómetro cero e a petición á Xunta para establecer un sistema de compra pública prioritaria de alimentos producidos na provincia.
Durante a sesión aprobouse ademais un convenio de colaboración entre a Deputación de Ourense e o Ministerio para a Transición Ecolóxica para o desenvolvemento e consolidación do Centro de Innovación Tecnolóxica en Ourense, un espazo estratéxico orientado á reactivación dos territorios rurais e que xa funciona noutras provincias do Estado.
O acordo recolle tamén iniciativas que a Deputación xa ten en marcha para apoiar ao sector, como o servizo de recollida de plásticos agrícolas e gandeiros, un plan piloto de recría de femias en extensivo para favorecer o relevo xeracional nas explotacións e o impulso do silvopastoreo como ferramenta de prevención de incendios forestais.