A Deputación de Ourense amplía o fondo documental da Escola Provincial de Gaitas con pregos de cordel do século XIX

OurenseXa
O Arquivo Histórico Audiovisual da Escola vén de incorporar ao seu fondo documental trescentas pezas de enorme valor histórico e etnográfico
entrega-pregos-escola-provincial-de-gaitas-ourense
9 Feb 2026

A Deputación de Ourense deu un novo paso na protección do patrimonio cultural galego coa incorporación de trescentos pregos de cordel do século XIX ao Arquivo Histórico Audiovisual da Escola Provincial de Gaitas. Trátase dun conxunto documental de grande relevancia histórica e etnográfica, vinculado á tradición oral e á literatura popular de Galicia.

Estas pezas, coñecidas tamén como coplas de cego ou romances, formaron parte durante séculos dun sistema de transmisión de información baseado na oralidade. A través delas difundíanse relatos de feitos extraordinarios, sucesos tráxicos ou acontecementos de impacto social, cumprindo unha función informativa e de entretemento nun contexto no que o acceso á lectura era limitado.

A colección pasa a formar parte dun arquivo especializado na conservación e estudo da lírica popular, reforzando o compromiso da institución provincial coa recuperación dunha tradición que se mantivo viva durante centos de anos e que comezou a desaparecer a mediados do século XX coa desaparición dos cegos cantores.

Ourense mantén unha ligazón destacada con esta expresión cultural, especialmente a través da figura de Lucía da Conceição Fernandes, natural do Covelo, considerada a última cega cantora da provincia. Os seus cantares foron recompilados e publicados pola Escola de Gaitas no ano 2005, contribuíndo á súa difusión e preservación.

Desde a Escola Provincial de Gaitas faise un chamamento á colaboración da cidadanía para localizar coplas, romances ou pregos de cordel que poidan conservarse en ámbitos privados, co fin de incorporalos ao arquivo e garantir a súa protección para o futuro.

As persoas interesadas en colaborar poden poñerse en contacto coa dirección da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense, directamente co seu director, Xosé Lois Foxo, no teléfono 606 466 546.

⚙ Configurar cookies
0.082368135452271