A Deputación de Ourense aproba achegas a municipios, entidades e asociacións por importe de 509.000 euros
A xunta de goberno da Deputación, na súa sesión ordinaria desta mañá, vén de aprobar as bases da convocatoria do concurso para a concesión de subvencións para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas do ano 2024, cun importe total de 60.000 euros.
Tamén foron aprobadas achegas diversas por un importe de 449.000 euros. Así, adicadas á cooperación cos municipios durante este ano 2024, ao Concello de Avión concédenselle 51.000 euros para gastos de funcionamento e mantemento da escola infantil. Pola súa banda, o Concello de Ribadavia percibirá unha axuda de 30.000 euros para a Mostra Internacional de Teatro.
En materia de colaboración con diversas entidades e colectivos da provincia, a Deputación vén de concederlle unha achega ao Club Ourense Baloncesto SAD para gastos de funcionamento e mantemento por un importe de 250.000 euros. Ao Club Deportivo Cultural Ribeiro concédenselle tamén 40.000 euros. Outras entidades que percibirán axudas para gastos de funcionamento son o Liceo Ourense (26.000 euros); a Fundación Curros Enríquez (26.000 euros); a Fundación Protección Discapacitados Psíquicos da Comarca de Verín (21.000 euros); e a Asociación Cultural da Castaña (5.000 euros).