A Deputación de Ourense aproba axudas por 550.000 euros dentro do plan BenOurense 2025

OurenseXa
As axudas destinaranse a servizos complementarios de atención á infancia, Puntos de Atención á Infancia e contratación de persoal técnico en entidades locais de menos de 20.000 habitantes
pazo-provincial-da-deputacion-de-ourense
28 Jun 2025

A Corporación provincial de Ourense aprobou no pleno de xuño as bases de tres programas de cooperación do plan BenOurense para 2025, cun orzamento total próximo aos 550.000 euros. Estes fondos permitirán reforzar a atención social nos concellos da provincia.

As axudas para servizos complementarios de atención á infancia contarán con 135.000 euros e están destinadas a servizos municipais, de xestión directa ou indirecta, en horario diúrno, para coidar nenos e nenas de entre 3 e 12 anos fóra do horario escolar. O obxectivo é apoiar ás familias e facilitar a conciliación laboral e familiar.

No que respecta aos Puntos de Atención á Infancia (PAI), destínanse 115.000 euros para manter estes centros municipais de atención diúrna en concellos de menos de 5.000 habitantes, prestando apoio a pais, titores ou coidadores de menores de entre 3 meses e 3 anos.

Por último, destinaranse 299.511 euros a subvencións para contratar persoal técnico en entidades locais de menos de 20.000 habitantes. Estas axudas garanten o financiamento de profesionais que reforcen os equipos sociais comunitarios con perfís complementarios ao de traballador social. Tamén se inclúen as mancomunidades que prestan servizos sociais a varios municipios de menos de 20.000 habitantes.

⚙ Configurar cookies
0.16290712356567