A Deputación de Ourense aproba máis de 326.000 euros para cooperación municipal e apoio á actividade cultural

A Deputación de Ourense deu luz verde a once acordos na Xunta de Goberno celebrada este martes que permiten activar un investimento global de 326.491 euros destinado a reforzar o apoio aos concellos e a impulsar a creación cultural na provincia.
As decisións adoptadas articúlanse arredor de dúas grandes liñas de actuación. Por unha banda, a cooperación directa cos concellos, que concentra máis de 226.000 euros para actuacións vinculadas a infraestruturas, servizos básicos e deporte. Pola outra, o respaldo á actividade editorial e cultural a través do Plan Anual de Publicacións para 2026, dotado con 100.000 euros.
O presidente provincial, Luis Menor, subliña que estes investimentos responden a un modelo de xestión baseado na proximidade cos concellos e en políticas orientadas a mellorar o día a día da cidadanía. Neste sentido, sinalou que a institución provincial continúa avanzando na construción dunha provincia máis cohesionada e con maiores oportunidades.
No ámbito cultural, a Xunta de Goberno aprobou as bases e a convocatoria do Plan Anual de Publicacións 2026, que ten como obxectivo facilitar a difusión do talento, a investigación e a creación artística vinculada a Ourense. O programa divídese en dúas modalidades: unha liña de edición directa, con preto de 47.400 euros para proxectos definidos pola propia Deputación, e unha segunda liña en réxime de concorrencia competitiva, dotada con algo máis de 52.600 euros, aberta a propostas externas.
Entre as iniciativas previstas inclúense reedicións relacionadas coa Vía da Prata, novas publicacións periódicas, estudos sobre o rural ourensán, traballos de investigación e a edición do XXI Premio Pura e Dora Vázquez, orientado a fomentar a creación entre a mocidade.
No que respecta á cooperación municipal, unha parte relevante dos fondos destínase a actuacións en saneamento e abastecemento, con máis de 120.000 euros repartidos entre concellos como Beade, Cortegada, Xinzo de Limia e Parada de Sil, co obxectivo de mellorar os servizos básicos no ámbito rural.
O resto dos acordos céntranse no deporte e na mellora de espazos urbanos, con investimentos destinados á modernización de instalacións deportivas, ao mantemento de infraestruturas municipais e ao reforzo da seguridade viaria en concellos como O Barco de Valdeorras, A Arnoia e Riós.