A Deputación de Ourense aproba no Pleno medidas clave para o territorio

O Pleno da Deputación de Ourense aprobou este xoves por unanimidade unha moción conxunta de todos os grupos (PP, PSOE, BNG e Democracia Ourensana) para promover a construción dun novo pavillón deportivo multiusos na comarca de Ourense, co obxectivo de dar resposta á “crecente demanda de novas infraestruturas deportivas que respondan ás necesidades da poboación e á evolución da práctica deportiva”.
O acordo insta ao Concello de Ourense a liderar a coordinación entre administracións e a convocar unha mesa de traballo con participación da Xunta, a propia Deputación e o Concello para deseñar un proxecto que permita acoller competicións de alto nivel, tanto pola altura como pola superficie das instalacións. Ademais, pídese un estudo técnico sobre a viabilidade urbanística das posibles localizacións e o cronograma de execución, así como a inclusión de partidas específicas nos orzamentos das tres administracións.
A moción tamén solicita que se impulse o recoñecemento oficial de Ourense como “capital da ximnasia de Galicia”, co fin de “reflectir a realidade deportiva da provincia e potenciar a súa proxección como destino de turismo deportivo”.
Outro dos puntos destacados da sesión foi a aprobación do regulamento do sistema de carreira administrativa para o persoal funcionario da Deputación, que permitirá avanzar nun modelo de progresión profesional vinculado a criterios como a formación, experiencia, participación e iniciativas.
O regulamento establece cinco graos de progresión, desde o inicial ata o grao 4, con requisitos de anos de servizo e horas de formación que van desde cinco ata vinte anos e de 40 a 200 horas formativas, segundo o nivel. A implantación dos graos 1 e 2 está prevista nos próximos dous anos. Cada grao incluirá unha retribución económica adicional e será xestionado por un comité de valoración específico.
Conta xeral, Plan Económico-Financeiro e modificacións orzamentarias
No ámbito económico, o Pleno aprobou a conta xeral da Deputación correspondente a 2024, cun resultado orzamentario axustado de máis de 35,1 millóns de euros. Tamén se deu luz verde ao Plan Económico-Financeiro tras o incumprimento da regra de gasto por valor de 16,8 millóns, e corríxose un erro nun convenio coa Comunidade de Regantes Nova Limia.
Ademais, modificáronse as bases de execución orzamentaria para reaxustar subvencións a varios concellos e entidades, e aprobouse o cambio de titularidade dun tramo da estrada OU-0701 a favor do Concello de Manzaneda.
Xestión da biomasa e prevención de incendios
O Pleno tamén acordou elaborar un convenio marco coa Xunta para apoiar aos concellos con dificultades na xestión da biomasa. Este instrumento permitirá que os municipios actúen directamente na limpeza de parcelas próximas a núcleos rurais en caso de incumprimento por parte dos propietarios, dificultade para a súa identificación ou inexistencia de medios municipais.
A Deputación dotará este convenio con fondos a partir de 2026, priorizando as mancomunidades con brigadas operativas, e propoñendo a delegación de competencias na institución provincial para a execución e cobro dos traballos. Tamén se reclama a transferencia das competencias catastrais á comunidade galega.
Fiscalidade favorable para o rural
Outro acordo do Pleno foi a solicitude ao Goberno de España para aplicar deducións fiscais de ata o 20 % ás persoas residentes en concellos ourensáns con menos de 5.000 habitantes. Argumentan que Ourense cumpre cos criterios para ser considerada “zona escasamente poboada” segundo a Comisión Europea, e propoñen estender esta medida a todos os concellos galegos con características de despoboamento e dispersión.
Protección da infancia no deporte
A Corporación tamén aprobou unha proposta de colaboración cos clubs deportivos para implementar a Lei de Protección da Infancia fronte á Violencia no Deporte. Inclúe accións formativas, campañas de sensibilización e a creación de mecanismos de seguimento e avaliación. Instan á Xunta e aos concellos a crear liñas de axuda específicas para entidades que leven a cabo estas accións, e á Deputación a complementalas.
Nun momento emotivo da sesión, formalizouse a renuncia dos deputados socialistas Elvira Lama e Aurentino Alonso, representantes das comarcas da Limia e Valdeorras, respectivamente. Serán substituídos no pleno de setembro.