A Deputación de Ourense aproba o maior orzamento da súa historia, superior aos 110,4 millóns de euros

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
O PP logrou sacar adiante a proposta orzamentaria coa abstención de DO e do PSOE logo de aceptar case todas as propostas de mellora presentadas polos socialistas
pazo-provincial-da-deputacion-de-ourense
28 Nov 2025

O Pleno da Deputación de Ourense ven de aprobar os orzamentos para o exercicio 2026, que ascenden a 110,475 millóns de euros. O orzamento saíu adiante grazas á abstención de DO e do PSOE, despois de aceptar o goberno provincial case todas as propostas de mellora presentadas polo Grupo Provincial Socialista.

O PSdeG-PSOE, que optou pola abstención tras comprobar a incorporación das súas demandas, consegue un triunfo político significativo ao converter as súas peticións en concrecións orzamentarias, cunha achega total de 2,75 millóns de euros en máis recursos para políticas que precisa a provincia.

O voceiro do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila, destacou que o seu grupo logrou importantes avances, entre eles o compromiso do goberno provincial de aumentar en 2 millóns de euros a partida variable do Plan CooperOU, que sumará un total de 21 millóns de euros para 2026. Vila valorou esta medida como “unha vitoria para os 92 concellos da provincia, nomeadamente para os máis pequenos, que poderán planificar mellor as súas políticas e proxectos con financiamento obxectivo e transparente”.

Outro dos logros socialistas foi o incremento do Plan Provincial de Vivenda, que pasará de 500.000 a 1.200.000 euros. Vila subliñou que “isto demostra que era insuficiente a dotación inicial. A vivenda é unha prioridade social na nosa provincia e estes recursos permitirán aos concellos comprar e rehabilitar inmobles para aluguer social”.

Ademais, o Grupo Provincial Socialista conseguiu que se amplíe a dotación para os cinco conservatorios profesionais de música da provincia, pasando de 40.000 a 50.000 euros por centro, o que eleva a partida total a 250.000 euros. Vila comentou que “a cultura e a formación musical son tamén estratéxicas para a provincia e merecen este reforzo. Os conservatorios son referentes nos seus territorios e o seu traballo debe ser valorado e apoiado”.

Outro compromiso importante conseguido polos socialistas foi a formalización, por parte do goberno provincial, de compartir co resto de grupos un informe técnico para avanzar na disolución do Instituto Ourensán para o Desenvolvemento Económico (Inorde) e integrar a súa misión e persoal nas estruturas da Deputación, cumprindo así o acordo plenario aprobado en novembro de 2024. Vila alertou de que “durante o último ano, o PP ignorou o acordo plenario de supresión do Inorde. Hoxe, grazas á presión do PSdeG-PSOE, comprométese a executalo. É un paso adiante que imos vixiar moi de preto para que as palabras se traduzan en feitos”.

Durante o debate, a vicepresidenta da Deputación, Marta Novoa, criticou reiteradamente o Goberno de España pola “falta de orzamentos xerais do Estado” e as supostas “eivas” que, segundo ela, dificultan a xestión provincial. “E aínda así, esta Deputación fixo uns bos orzamentos”, sentenciou Novoa.

O voceiro socialista criticou esta posición como unha “vitimización constante” e denunciou que o PP aproveita calquera ocasión, mesmo sen relación co tema, para atacar ao Goberno central. Vila afirmou que “o discurso do PP é sempre o mesmo: o que funciona é grazas ao PP, mesmo se non son eles a administración responsable ou pagadora; e o que vai mal ou non arrinca, sempre é culpa do goberno central. É unha estratexia política de manual, que pasa pola vitimización constante para eludir responsabilidades propias”.

Vila recordou que “a Deputación de Ourense ten un orzamento de 110 millóns de euros, ampla autonomía de xestión e capacidade de decisión propia. Que non nos veñan dicir que as súas mans están atadas polo Goberno de España cando manteñen o 38% de gasto en persoal, cando reservan fondos para modificacións discrecionais, cando ignoran durante meses acordos plenarios como a disolución do Inorde, que implicaría recursos adicionais para a Deputación. As limitacións do PP non son imposicións de Madrid, son opcións políticas propias”.

Aínda que os socialistas recoñeceron os avances incorporados aos orzamentos, mantiveron críticas sobre o “carácter continuista, a falta de medidas para a reconstrucción tras os incendios de agosto, o sobredimensionamento da estrutura administrativa e a continuidade das partidas discrecionais”. Vila afirmou que “estes non son os orzamentos que a provincia necesita. Son uns orzamentos continuistas, sen ambición transformadora, que non responden á emerxencia que vivimos”.

O PSdeG-PSOE decidiu absterse na votación como unha estratexia para recoñecer os avances obtidos, demostrar a capacidade de negociación e situarse como unha forza útil e eficaz. Vila destacou que “non facemos oposición por facer oposición. Facemos oposición útil, que mellora a vida da xente. E hoxe demostrámolo unha vez máis, como cando se aprobou o Plan CooperOU, que foi unha iniciativa socialista”.

⚙ Configurar cookies
0.086744070053101