A Deputación de Ourense aproba unha modificación de crédito de 6,1 millóns para financiar proxectos locais

OurenseXa
Os fondos destinaranse á financiación de 191 iniciativas locais en municipios con menos de 20.000 habitantes
pleno-dep-ourense
31 Oct 2025

A Deputación Provincial de Ourense aprobou este venres unha modificación de crédito por valor de 6,2 millóns de euros, destinada principalmente a apoiar aos municipios na financiación de 191 proxectos locais vinculados á recuperación tras os incendios forestais do verán, á mellora dos servizos públicos e á cobertura de necesidades financeiras.

A modificación orzamentaria, financiada cos maiores ingresos recadados, ascende a un total de 6.249.377,77 euros. Deste importe, 60.000 euros destinaranse a expropiacións e 30.000 euros ao Concello de Los Blancos para amortizar débeda. O resto, 6.159.377,77 euros, repartirase entre os municipios ourensáns con menos de 20.000 habitantes.

Segundo informou a institución provincial, os fondos permitirán atender proxectos relacionados con infraestruturas, equipamentos, servizos públicos básicos e instalacións deportivas. Ademais, o expediente inclúe partidas para tres municipios dentro do plan de residencias de maiores cofinanciado pola Xunta de Galicia: A Peroxa (250.000 euros), Vilamarín (100.000) e Carballeda de Avia (57.000).

A distribución dos fondos realizouse en base a tres criterios principais. En primeiro lugar, contempláronse achegas específicas para os municipios máis afectados polos incendios forestais, con cuantías que oscilan entre 100.000 euros para os máis danados e 55.000 euros para aqueles con afección significativa pero menor extensión queimada.

O segundo criterio responde á poboación de cada municipio, con asignacións de 30.000 euros para os que teñen menos de 1.000 habitantes, 40.000 euros para os que contan entre 1.000 e 5.000, e 50.000 euros para os de máis de 5.000 habitantes.
Finalmente, o terceiro criterio ten en conta as necesidades de cofinanciación en proxectos nos que participan outras administracións públicas.

Durante o mesmo pleno, a Deputación acordou tamén destinar 140.000 euros a un programa especial de cooperación para cofinanciar obras e servizos promovidos polo Concello de Ourense, no marco da modificación de crédito aprobada en abril deste ano.

⚙ Configurar cookies
0.093461036682129