A Deputación de Ourense aprobou 75.000 euros en axudas a entidades culturais, sociais e empresariais

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou un total de 75.000 euros en axudas a diferentes entidades culturais, sociais e empresariais da provincia.
Así, Cáritas Diocesa na de Ourense recibirá 30.000 euros para o seu programa de axudas á alimentación. O Consello Regulador da Ribeira Sacra obterá 15.000 euros para a adquisición de equipos informáticos e de oficina. Para traballos de excavacións, Aquae Querquennae Vía Nova obterá 20.000 euros. Por último, a Asociación Grupo Folclórico “Solpor” obterá 5.000 euros para a compra de instrumentos musicais, mentras que a Asociación Cultural Luarada percibirá 5.000 euros para o “Festival Internacional de Comedia – Festival RIR de Allariz”.
Na Xunta de Goberno tamén foi aprobado o protocolo que subscribiron a institución provincial e o Bispado da Diócese de Ourense para a conservación, mantemento e mellora do patrimonio cultural eclesiástico.
O convenio, que ten vontade de ser plurianual, centrarase nunha primeira fase na “preservación, protección e divulgación do patrimonio eclesiástico da nosa provincia é unha riqueza cultural, mais tamén emocional e social”, tal e como explicou o presidente provincial.
En total, 9 municipios da provincia verán rehabilitadas, melloradas e reparadas igrexas e espazos anexos como camposantos.
As 9 accións das que consta este acordo son a rehabilitación da cuberta da Igrexa de San Martín de Sagra (Carballiño); rehabilitación do solado da Igrexa de San Salvador de Vilaza (Monterrei); rehabilitación da cuberta da Igrexa Parroquial de San Martín de Sabadelle (Pereiro de Aguiar); rehabilitación da cuberta da Igrexa de Santa maría de Mesón de Calvos (Taboadela); rehabilitación da cuberta de igrexa de San Paio de Abades (Baltar); eliminación de humidades na Igrexa de San Francisco Blanco e Santa María (O Tameirón, A Gudiña); reparación do muro do cemiterio de San Pedro de A Mezquita (A Merca); rehabilitación da cuberta de Santa María de Feces de Cima (Verín); e rehabilitación da cuberta de San Pedro de Ramil (Xunqueira de Espadanedo).