A Deputación de Ourense asume a extinción do incendio no vertedoiro de A Rúa

A Deputación de Ourense tomou hoxe a iniciativa de asumir a extinción do incendio forestal que afecta ao vertedoiro municipal de A Rúa desde hai dúas semanas. Tras contactos continuos co Concello e varias visitas de inspección dos técnicos provinciais, a institución formalizou esta mañá, a través da petición da alcaldesa María Albert, a contratación de emerxencia dos traballos de apagado, que serán executados pola empresa especializada Tragsa.
O presidente da Deputación, Luis Menor, explicou durante unha rolda de prensa celebrada en A Rúa, acompañado pola rexedora e por outros alcaldes da comarca, que a institución actuará “independentemente das competencias propias, sempre dispostos a colaborar e dar solución a unha emerxencia con total garantía nas obras”.
Menor destacou que o Concello de A Rúa non dispón nin da capacidade técnica nin económica para afrontar a extinción dun lume “complexo”, debido ás características do vertedoiro e ás condicións que poñen en risco a saúde das persoas. “Por iso os traballos serán executados con total garantía técnica e de seguridade por unha empresa especializada como Tragsa”, subliñou o presidente.
A contratación, cun orzamento aproximado aos 100.000 euros, inclúe exclusivamente as tarefas de extinción do incendio. Menor prevé que as actuacións se prolonguen durante poucos días, con chegada das máquinas durante a fin de semana e inicio dos traballos o próximo luns.
O presidente lembrou que o informe da Unidade Militar de Emerxencias (UME) desaconsellou en seu momento intentar apagar o lume con recursos propios, polo que técnicos da Deputación, do Concello de A Rúa e da Xunta de Galicia analizaron durante estes días a mellor solución para garantir a seguridade e eficacia da operación.
Pola súa banda, a alcaldesa María González Albert agradeceu a colaboración da Deputación para afrontar un problema “complexo” e recoñeceu o apoio da cidadanía, destacando que “cooperando colectivamente conséguense as cousas”, facendo fincapé nos momentos difíciles que viviu como representante dos veciños.