A Deputación de Ourense automatiza o sistema de avisos para retirar vexetación perigosa nas estradas provinciais

A Deputación de Ourense avanza na súa estratexia de modernización coa implantación dun novo sistema tecnolóxico que permite axilizar o mantemento das estradas mediante a automatización dos avisos a propietarios de parcelas lindeiras. A iniciativa, desenvolvida pola Área de Infraestruturas en colaboración co departamento de Transparencia e Goberno Aberto, baséase nun sistema de Automatización Robótica de Procesos (RPA) que tramita de forma automática as notificacións relacionadas coa poda e corta de árbores situadas nas marxes das vías provinciais.
Estes avisos están dirixidos a actuar sobre vexetación que supón un risco para a seguridade viaria, xa sexa pola posibilidade de caída sobre a calzada ou por invadir a vía e dificultar a visibilidade e o tránsito dos vehículos. Ata agora, explican dende a institución provincial, este procedemento realizábase de maneira manual, o que implicaba unha elevada carga administrativa. Co novo sistema, un “robot de software” encárgase de xestionar todo o proceso, desde o cruce de datos ata a xeración e tramitación das notificacións, reducindo os tempos e evitando erros.
Desde a Deputación destacan que esta tecnoloxía permite mellorar a seguridade nas estradas ao acelerar a comunicación cos propietarios e facilitar unha intervención máis rápida sobre a vexetación perigosa. Ademais, contribúe a optimizar os recursos públicos, ao liberar ao persoal de tarefas burocráticas e permitir que se centre en labores de maior valor, como a inspección técnica e a vixilancia da rede viaria.