A Deputación de Ourense avanza un orzamento de 110,4 millóns para 2026

A Deputación de Ourense contará cun orzamento de 110,4 millóns de euros para 2026, tal e como anunciou esta mañá o presidente provincial, Luis Menor, durante a súa intervención na 3ª Comisión de Economía, Finanzas e Orzamento do Parlamento de Galicia. A proposta económica someterase a debate e aprobación no pleno do 28 de novembro.
O Plan CooperOU continuará a ser o eixo principal das contas, cunha dotación de 19 millóns de euros, un millón máis que no presente exercicio. Menor destacou que este plan responde ao compromiso do goberno provincial de “dar aos concellos da provincia a estabilidade e seguridade financeira que necesitan, sabendo xa as principais cantidades que van percibir desde o 1 de xaneiro de 2026, así como a autonomía municipal na priorización dos seus obxectivos”.
Neste senso, puxo en valor o desenvolvemento dun plan de cooperación local que pasou de 7 millóns de euros en 2023 a 17 millóns en 2024, co compromiso de incrementar un millón máis en 2025, como así foi, alcanzando agora os 19 millóns e xa para 2027 chegar a 20 millóns.
Unha “decidida e firme aposta polo municipalismo”, referendou o presidente provincial, que se reflicte nos 69,7 millóns de euros que a Deputación de Ourense destina ao financiamento directo das entidades locais.
O presidente reiterou unha vez máis a súa “preocupación” polas “limitacións impostas polas actuais regras fiscais”, que impiden un uso máis amplo dos recursos dispoñibles. Para o líder dos populares ourensáns, “é absolutamente injusto” contar cun excedente de 24 millóns e só poder empregar algo máis de 6 millóns para axudar aos municipios, especialmente tras os danos ocasionados polos incendios forestais. Subliñou que a institución provincial mantense como unha administración “sen débeda e absolutamente sólida” e reclamou a “eliminación, ou polo menos a flexibilización” destas normas.
Entre as liñas estratéxicas do orzamento para o próximo ano, Menor adiantou unha partida de 4,5 millóns para o mantemento da rede provincial de estradas, coa previsión de sumar outros 5 millóns na modificación orzamentaria de abril, alcanzando un total histórico de 25,5 millóns. Tamén se manterán diversas liñas de axudas a municipios e entidades locais, incluíndo un novo fondo de 500.000 euros para rehabilitación de vivendas en municipios pequenos, e o programa EmprendOU en feminino, con 100.000 euros para fomentar proxectos empresariais liderados por mulleres.
En materia de infraestruturas, destinaranse recursos para a elaboración dun proxecto para a construción dunha estación de mercadorías en San Cibrao das Viñas e seguirase colaborando con Sogarpo para apoiar a actividade empresarial. Ademais, a Deputación asumirá un custo de 9 millóns para a recollida e tratamento de residuos en dous terzos dos municipios ourensáns, sendo a única administración provincial galega que xestiona directamente este servizo.
Menor tamén resaltou o apoio á educación e á cultura, con acordos vixentes coa Universidade de Vigo e a próxima edición do Festival de Cine de Ourense, que na súa última edición contou con máis de 15.000 espectadores.
Sobre a captación de fondos europeos, o presidente sinalou que a Deputación logrou reunir 26,1 millóns desde o inicio do seu mandato, recursos clave para abordar os desequilibrios económicos e sociais da provincia.
O presidente da Deputación quixo tamén poñer de relevo “factores diferenciais” que caracterizan á provincia e que terán a súa pegada nas contas provinciais. Algúns compartidos como a Ribeira Sacra, confiando no éxito da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Unesco en 2026; outros como o AVE, malia eliminación de frecuencias na estación da Gudiña; e un máis singular como o termalismo, potenciado desde a perspectiva da saúde física e mental con diferentes modalidades de programas, e con maior atención ás persoas máis vulnerables.
O presidente provincial valorou a colaboración coa Xunta de Galicia e lembrou proxectos conxuntos en diversas áreas, desde infraestruturas e medio ambiente ata servizos sociais e turismo, entre os que destaca as inversións para a comunidade de regantes da Limia, a dotación de maquinaria para traballos de prevención e extinción de incendios, e achegas para centros de maiores e o parque acuático de Monterrei.