A Deputación de Ourense axudará aos concellos coa retirada de amianto nas súas instalacións

OurenseXa
Elaborará un censo de instalacións que teñen amianto e asumirá ao 100% o custe das actuacións
pazo-provincial-deputacion-de-ourense-recurso
21 Dec 2024

A Deputación de Ourense porá en marcha un programa de colaboración cos concellos para elaborar un censo de instalacións que teñan amianto entre os seus materiais de construción, ademais de asistirlles na planificación da retirada nos centros municipais para no período comprendido entre 2025 e 2027.

A corporación provincia aprobou este programa, que será executado a través da sociedade AquaOurense.

Os concellos interesados nesta iniciativa deberán comunicar a súa adhesión á mesma nun prazo de dous meses, contados a partir da publicación deste programa no Boletín Oficial da Provincia. A Deputación asumirá ao 100% o custe das actuacións, que inclúen o citado censo; a priorización do mesmo consonte ás directrices para a retirada do amianto instalado; a contratación dunha plataforma con visor web para o coñecemento do inventario e cuxo mantemento será asumido polos concellos; unha proposta de calendario e planificación para a retirada do material nas instalacións e emprazamentos municipais de carácter público; e a asistencia técnica para avaliar e elaborar dos pregos técnicos para a retirada e xestión do amianto, planificados por cada concello.

O custo destas accións, asumido pola Deputación na súa integridade, será de 6.491,05 euros por concello de máis de 5.000 habitantes; 4.604,41 euros por concello de entre 2.000 e 5.000 habitantes; e 3.460,20 euros para os concellos de menos de 2.000 habitantes.

Retirada prioritaria segundo instalacións e exposición á poboación

Cabe recordar que a disposición adicional 14ª da Lei 7/2022, de 8 de abril, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, está dedicada ás instalacións e emprazamentos con amianto, e sinala que no prazo dun ano desde a entrada en vigor da lei, os concellos deberán elaborar o mencionado censo e planificar a súa retirada.

Tanto o censo como o calendario, que terán carácter público, serán remitidos ás autoridades sanitarias, ambientais e laborais competentes das comunidades autónomas, as cales deberán inspeccionar para verificar, respectivamente, que se retiraron e enviaron a un xestor autorizado. Esa retirada priorizará as instalacións e os emprazamentos atendendo ao seu grao de perigosidade e exposición á poboación máis vulnerable. En todo caso, as instalacións ou os emprazamentos de carácter público con maior risco deberán estar xestionadas antes de 2028.

0.17718911170959