A Deputación de Ourense buscará impulsar un programa de termalismo terapéutico en colaboración coa Consellería de Sanidade

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presentou ao conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, unha proposta para reforzar o uso do termalismo terapéutico como ferramenta de saúde preventiva. A iniciativa xurde do acordo aprobado no último pleno provincial, que reclama a incorporación progresiva das terapias balnearias á carteira complementaria de servizos da comunidade autónoma, tras a supresión do termo “balneario” no Real Decreto 1030/2006, do 15 de setembro.
A reunión, celebrada en Santiago, contou tamén coa presenza do xerente do Sergas, José Ramón Parada, e do director da Área de Benestar da Deputación, Jose Juan Cerdeira. Luis Menor agradeceu a receptividade do conselleiro, quen “manifestou a súa vontade de estudar a viabilidade da iniciativa”.
Menor explicou que a Deputación leva máis de dez anos desenvolvendo programas de Termalismo Social en colaboración con todos os balnearios da provincia. “Propoñemos coordinar estes programas coa Consellería para facilitar o acceso aos balnearios como ferramentas de saúde preventiva e atrasar situacións de fragilidade e dependencia”, sinalou.
Entre as propostas presentadas destaca a incorporación dos balnearios e programas de termalismo provincial financiados pola Deputación nos Planes Locais de Saúde dos municipios con instalacións termais e os seus arredores, especialmente aqueles programas orientados a combater a soidade non desexada.
Ademais, Luis Menor avanzou a creación de “Aulas de saúde nos centros termais co obxectivo de realizar accións formativas relacionadas coa saúde pública”, xa en marcha en colaboración coa Escola de Persoas Coidadoras da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.