A Deputación de Ourense clausura o programa “8M, mes a mes” con máis dunha decena de recoñecementos

A Deputación de Ourense celebrou este luns o xa tradicional acto de entrega dos diplomas do programa “8M, mes a mes”, unha iniciativa impulsada pola Área de Igualdade e que recoñece, ao longo de todo o ano, o labor de mulleres e colectivos femininos que contribúen ao desenvolvemento social, económico e humano da provincia.
No acto estiveron presentes a deputada de deputada de Igualdade, Teresa Barge, e o presidente provincial, Luis Menor, que subliñou que o obxectivo do programa, posto en marcha en abril de 2024, foi converter a igualdade nun compromiso permanente.
“A igualdade non pode limitarse a unha efeméride. Ten que ser unha política constante, presente durante todo o ano e en todas as accións públicas”, sinalou Menor, que salientou que a institución provincial “non só se suma á reivindicación global do 8 de marzo, senón que pon en valor unha realidade que forma parte da identidade de Ourense: unha provincia construída tamén grazas ao talento, ao esforzo e ao compromiso das mulleres”.
A través do programa “8M, mes a mes”, a Deputación foi recoñecendo ao longo de todo o ano diferentes exemplos de liderado feminino e compromiso social en distintos ámbitos da provincia.
Entre as iniciativas distinguidas figuran as Supermulleres de Boborás, exemplo de sororidade e solidariedade comunitaria; a escritora Inma Soto, pola promoción da lingua e do empoderamento desde o rural; ou as Mulleres Rurais de Arnuide, referentes do asociacionismo local.
Tamén recibiron recoñecemento ASPADISI, representada por Josefa Rodríguez, polo seu traballo a favor da inclusión; as auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar da Bola, polo seu labor esencial no coidado das persoas maiores; así como Noelia Conde e as mulleres dos servizos de extinción, destacadas polo seu compromiso na defensa do territorio durante os incendios forestais.
O programa puxo igualmente en valor o traballo da asociación FEMURO, o talento cultural da pianista María del Mar Blanco, o labor das pastoras representadas por Elvira Pérez, e referentes como a modista Julia Feijóo ou a comunicadora Montse Estévez.
Na súa intervención, Menor incidiu en que apoiar ás mulleres do rural significa fortalecer o futuro da provincia, lembrando que “Onde hai igualdade hai progreso, oportunidades e territorio vivo”. O presidente provincial destacou ademais que estas distincións recoñecen historias que moitas veces nacen lonxe dos focos pero que resultan fundamentais para manter activas as vilas e aldeas ourensás.
Coa entrega destes diplomas, a Deputación pecha un novo ciclo do programa reafirmando o seu compromiso de continuar impulsando políticas públicas que favorezan a igualdade real e a visibilidade do talento feminino en toda a provincia.