A Deputación de Ourense colabora coa Asociación de Pulpeiros Arcos-Carballiño na súa nova imaxe
A Deputación de Ourense colabora coa Asociación de Pulpeiros Arcos-Carballiño para a súa nova imaxe. O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou onte no Carballiño no acto de entrega das novas carpas aos asociados, que unifican a imaxe e promocionan o traballo dos pulpeiros.
O deputado de Representación Institucional agradeceu o traballo que realizan os pulpeiros a prol da marca “Ourense Enogastronómica” afirmando que se trata dun “dos principais atractivos turísticos do noso territorio”. Desde a Deputación, que achega 50.000 euros, “continuaremos a apoiar aos nosos produtores locais e a proxectar a imaxe da nosa provincia como destino enogastronómico de calidade, xa que se trata dun dos pilares da nosa marca turística”, engadiu Rosendo Fernández.
Co obxectivo de promover e dar publicidade á imaxe da Asociación de Pulpeiros Arcos–Carballiño, a entidade estrea 32 carpas para que os seus asociados as empreguen en todos os eventos e feiras nos que participen, ademais de dar visibilidade ao seu traballo e homoxeneizar a súa imaxe.
Cada asociado recibirá unha carpa en cor negro coa imaxe corporativa, pero personalizada co seu nome, e tamén contarán con bolsas serigrafiadas co lema da entidade para repartir entre os seus clientes. A maiores, a Asociación conta con catro carpas de uso institucional na que a Deputación figura como entidade colaboradora.