A Deputación de Ourense dá a coñcer os fondos do Museo Internacional de Cornamusas no Museo Galego do Entroido

O Museo Galego do Entroido, en Xinzo de Limia, acolle desde este venres a exposición “Cornamusas primitivas: historia da civilización”, unha iniciativa promovida pola Deputación de Ourense co obxectivo de dar a coñecer os fondos do Museo Internacional de Cornamusas da Escola Provincial de Gaitas.
Segundo explican desde a institución provincial, a mostra reúne pezas procedentes de distintos territorios e culturas do mundo, entre eles o País Vasco, El Gastor (Cádiz), Landas de Gascoña, Romanía, a República de Mari-El, Xeorxia, Sardeña (Italia), India, Dalmacia, Túnez, Persia, Croacia, Suecia, as Illas gregas, Anatolia, Ucraína e Malta.
Durante o acto de inauguración participaron o deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, e o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, que puxeron en valor “o valor cultural e didáctico” da exposición. Un dos elementos destacados da mostra é que cada peza incorpora un código QR que permite acceder a interpretacións musicais orixinais de cada cultura, así como a información histórica e técnica dos instrumentos.
A exposición complétase cun apartado fotográfico centrado na iconografía da gaita na Península Ibérica a partir do século XIII, co que se ofrece unha lectura histórica da evolución deste instrumento tradicional ao longo dos séculos. Todo o material exposto procede do Museo Internacional de Cornamusas da Deputación de Ourense, considerado unha das coleccións máis relevantes a nivel internacional pola súa diversidade instrumental, así como polos seus fondos pictóricos, documentos e arquivo audiovisual. Ademais, o museo conserva tamén instrumentos desaparecidos nos seus países de orixe, reconstruídos a partir de documentación histórica.
A proposta ten un marcado carácter didáctico e está especialmente dirixida a centros educativos e ao turismo cultural. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 30 de xuño de 2026, con posibilidade de prórroga.
Ademais, a institución provincial sinala que o Museo Internacional de Cornamusas, situado no Campus Universitario de Ourense, está a rexistrar un aumento de visitantes desde a chegada da alta velocidade ferroviaria á cidade, consolidándose como un recurso cultural e turístico de referencia na provincia.