A Deputación de Ourense promocionará a Vía da Prata a nivel internacional

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, organiza unha viaxe de familiarización en colaboración con Fairway para que aqueles participantes que estarán neste Foro do Camiño de Santiago, coñezan antes de que comece a Feira, a oferta diferenciadora da provincia de Ourense, especialmente vencellada á Vía da Prata a aos itinerarios que conflúen na mesma. Os turoperadores e a prensa especializada que protagonizarán esta viaxe de familiarización proceden de Estados Unidos, Brasil, Indonesia e Sudáfrica, ademais de España.
Con esta inciativa, que se enmarca no Plan de Dinamización da Vía da Prata-Camiño Mozárabe, que está a impulsar a Deputación de Ourense a través do Inorde, a institución provincial pretende dar a coñecer os recursos naturais e patrimoniais desta ruta xacobea a través da súa propia experiencia, coñecendo a calidade da oferta dos aloxamentos, da gastronomía e de todos os servizos que operan no territorio, para poder impulsar, posteriormente, paquetes especializados na comercialización turística deste itinerario nas canles internacionais.
O programa comezará o xoves 6 de novembro desde Monterrei, cunha saída que pasará por Santa María de Mixós, a Fortaleza e que levará aos participantes a probar a gastronomía local en Verín. De aí sairán ata Xunqueira de Ambía para visitar a Colexiata, e posteriormente realizarán un tramo camiñando entre Cima de Vila e Xunqueira de Ambía e trasladaranse ata Allariz.
Ao día seguinte, o 7 de novembro, visitarán a vila alaricana cunha parada na Igrexa de Santiago e despois visitarán o museo de Arte Sacra de Santa Clara e traslado a Santa María de Augasantas para realizar unha camiñata de 3 km at ao Forno da Santa, para coñecer unha variante do Camiño de Verín, deste itinerario xacobeo). Unha vez alí visitarán o Forno da Santa e Castro de Armea. De regreso a Allariz poderán degustar a gastronomía da vila nun local da mesma, e poñerán rumbo a Celanova para coñecer o Mosteiro de San Salvador e Capela de San Miguel, e pasarán a noite no Pazo de San Damián.
O sábado, 8 de novembro, a actividade comezará na cidade para visitar a Catedral, pasear polas súas rúas e camiñar ata a Ponte Romana rematando cunha degustación gastronómica nun local da cidade. Realizarán posteriormente unha camiñata desde Viduedo ata San Cristovo de Cea. Rematado este tramo, trasladaranse ata O Carballiño para ver o templo da Vera-Cruz e despois visitar o Mosteiro de Oseira. Desde aquí trasladaranse a Santiago para participar en Fairway.