A Deputación de Ourense dedica o ‘8M mes a mes’ de abril ás mulleres do sector forestal

OurenseXa
A institución provincial personaliza a campaña desde mes na figura de Esther Merlo, destacando o seu compromiso co territorio e a súa capacidade para impulsar cambios no sector
esther-merlo
Esther Merlo Sánchez,
8 Apr 2026

A Deputación de Ourense continúa este mes de abril coa súa campaña “8M, mes a mes”, unha iniciativa coa que busca dar visibilidade ao talento feminino da provincia ao longo de todo o ano. Nesta ocasión, o protagonismo recae en Esther Merlo Sánchez, enxeñeira de montes e doutora especializada en calidade da madeira e mellora xenética forestal.

Baixo o lema “Mulleres, raíces e copa do sector forestal”, a Área de Igualdade, dirixida pola deputada Teresa Barge, pon en valor a traxectoria desta profesional, destacando o seu compromiso co territorio e a súa capacidade para impulsar cambios nun ámbito clave como é o forestal.

Formada na Universidad Politécnica de Madrid, onde tamén acadou o doutoramento, Merlo desenvolveu unha carreira centrada na investigación e na aplicación práctica do coñecemento, con especial atención á calidade da madeira e á mellora xenética. A súa experiencia en centros como Lourizán ou o CIS-Madeira situouna como unha figura destacada dentro da cadea monte-industria.

Xunto ao seu labor investigador, tamén sobresae o seu papel nun sector tradicionalmente masculinizado. A súa implicación en iniciativas profesionais e entidades como o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes exemplifica un liderado orientado cara a un modelo forestal máis sostible e innovador.

A relación de Esther Merlo con Ourense é outro dos aspectos que subliña a institución provincial, xa que a súa traxectoria profesional e persoal está ligada ao territorio, desde onde defende o valor do monte como motor económico, ambiental e social.

A través desta campaña, destaca Barge, a Deputación continúa “poñendo en valor o talento feminino que constrúe provincia, visibilizando referentes que, como Esther Merlo Sánchez, contribúen a fortalecer o tecido económico e social desde o compromiso co territorio e coa igualdade”.

0.13734006881714