A Deputación de Ourense dedica xaneiro ás costureiras no programa '8M, mes a mes'

A Área de Igualdade da Deputación de Ourense, dirixida pola deputada provincial Teresa Barge, arrinca 2026 dando continuidade ao programa provincial '8M, mes a mes' cunha homenaxe ás costureiras, unha profesión con forte presenza feminina e clave no tecido social e económico da provincia.
A iniciativa preséntase baixo o lema 'puntada a puntada, cosendo igualdade' e busca recoñecer o valor dun oficio artesanal que, segundo subliña a institución, soubo modernizarse e adaptarse aos cambios sen perder a súa esencia. Ademais de destacar a creatividade e o traballo manual, a campaña pon o foco na costura como ferramenta de sustentabilidade, de conservación de tradicións e de creación de comunidade fronte á produción masiva.
Como figura representativa desta homenaxe, a Deputación escolleu a Julia Feijoo Casal, veciña de Celanova, onde comezou a formarse desde moi nova e desenvolveu boa parte da súa carreira. Feijoo empezou a coser con 14 anos e, co tempo, completou estudos de patronaxe na cidade de Ourense, ata abrir o seu propio taller. Nel confeccionou desde roupa cotiá ata vestidos de noiva, traxes de comuñón e bautizo, ademais de pezas a medida para numerosas veciñas da contorna.
A través desta historia, '8M, mes a mes' pretende visibilizar non só a dimensión profesional da costura, senón tamén o seu impacto humano e social: un traballo vencellado ao tempo, ao detalle e ao trato directo, que contribuíu a tecer memoria, identidade e vínculos nas vilas e parroquias ourensás, segundo explicou Teresa Barge.
Con esta acción de xaneiro, a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso coa igualdade efectiva, coa posta en valor do traballo das mulleres e co recoñecemento de profesións tradicionalmente pouco visibles, incorporando a cultura e as experiencias de vida como parte do camiño cara a unha sociedade máis igualitaria.